
O Museo de Lugo acolle a mostra “Recolectoras”, con fotografías, serigrafías e pezas cerámicas realizadas por 69 mulleres en obradoiros creativos
O Museo Provincial de Lugo acolle as mostras “Recolectoras: Memoria e Terra” e “Proximidade Llunyana”, que forman parte do programa “Mulleres rurais» da Rede Museística da Deputación de Lugo e que sitúa a mulleres que viven no rural no centro de procesos creativos.
“Recolectoras. Memoria e Terra», comisariada por Alexandra R. Rey, recolle as creacións realizadas por 69 mulleres que viven no rural en obradoiros e encontros coas artistas María Gar, artista gráfica e instalativa; Ana Gesto, artista visual e perfomance; Isabell Seidel, pintora; e Andrea Torres.
Trátase de fotografías con composicións determinadas polos relatos das protagonistas, serigrafías e pezas cerámicas que as participantes realizaron acompañadas polas artistas, e inspiradas nas súas traxectorias vitais, vinculadas ao rural.
Proximidade Llunyana
As pezas de “Recolectoras” dialogan coa documentación, as fotografías e os obxectos recompilados no marco do proxecto Proximidade Llunyana, que pretende plasmar a emigración de Lugo a Barcelona no século XX, representada polo testemuño de mulleres.
Unha morea de maletas no centro da sala, un panel fotógrafico do Shanghái, o tren encargado de trasportar as vixeiras á terra prometida, e documentación achegada por familias que viviron o éxodo rural da posguerra -fundamentalmente cartas e fotografías- reciben á persoa visitante no refectorio do Museo.