«Indómitas», unha mostra sobre as historias inspiradoras de doce mulleres, na Sede Afundación Lugo
Paula Mouzo, percebeira de Camariñas; Laura Lorenzo, viticultora na Ribeira Sacra; Luisa Méndez, escaladora; Lula Goce, artista urbana e muralista; Tanxugueiras, grupo musical integrado por Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío; Nuria Bravo, pilota de helicópteros; Rocío Antela, mineira e enxeñeira de minas; Teresa Bedman, exiptóloga; Almudena Bernabeu, avogada especializada en dereitos humanos; e Alicia Sornosa, primeira española que deu a volta ao mundo en moto en solitario.
A Sede Afundación Lugo acolle a mostra «Indómitas. Historias que abren camiños». A exposición, que se pode visitar ata o 21 de xaneiro de 2023, de luns a sábado de 17.30 h a 20.30 h, conta co comisariado de Silvia Oviaño, directora de Caravan Proyectos Culturales, e presenta doce historias de mulleres que inspiran para a continuidade dos camiños que elas abriron.
O proxecto, enmarcado no ODS número 5 de igualdade de xénero, reflexiona sobre o momento decisivo actual no ámbito da equidade entre xéneros, presentando estas mulleres que foron pioneiras de diferentes
xeitos nos seus ámbitos e que son modelo tanto no momento presente como para as vindeiras xeracións.
Na presentación a medios estiveron Silvia Oviaño, comisaria da mostra, guía da visita inaugural ás 18.30 h; Ofelia de Pablo, fotógrafa; Javier Zurita, fotógrafo; e Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.
Esta mostra enmárcase no programa social «Cultura por alimentos», que anima o público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local.
Esta mostra audiovisual artéllase en torno a cinco indómitas do ámbito español, e sete do galego con historias moi diferentes tras de si: Paula Mouzo, percebeira de Camariñas; Laura Lorenzo, viticultora na Ribeira Sacra; Luisa Méndez, escaladora; Lula Goce, artista urbana e muralista; Tanxugueiras, grupo musical integrado por Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío; Nuria Bravo, pilota de helicópteros; Rocío Antela, mineira e enxeñeira de minas; Teresa Bedman, exiptóloga; Almudena Bernabeu, avogada especializada en dereitos humanos; e Alicia Sornosa, primeira española que deu a volta ao mundo en moto en solitario.
Todas elas representan modelos inspiradores en profesións e ámbitos tradicionalmente non conquistadas por mulleres. Grazas a estes exemplos,
enriquécense os referentes de cara a construír unha sociedade máis xusta, tolerante e equitativa.
O traballo fotográfico e audiovisual asínano os recoñecidos autores Ofelia de Pablo e Javier Zurita, quen viaxaron por máis de 70 países documentando temas de dereitos humanos e ambientais. En 2011 fundaron Hakawatifilm, unha produtora dedicada a contar historias que espertan conciencias e avogan por un cambio positivo.
A compañía está á vangarda da linguaxe multimedia, xerando traballos que foron amplamente recoñecidos no mercado internacional e publicando para varios dos mellores medios do mundo: The Guardian, The New York Times, Der Spiegel, National Geographic ou TIME, entre outros. Foron xurado de importantes concursos internacionais e imparten charlas e obradoiros como Canon Pro Master. «Indómitas» é o primeiro proxecto que levan a cabo en España.
A curadoría e textos de «Indómitas» corresponden a Silvia Oviaño. Con grande experiencia no ámbito da fotografía, Oviaño destaca como comisaria de exposicións e xestora cultural con proxectos creativos e de marcado ton comprometido. É fundadora de Caravan Proyectos de Cultura e do Festival Mar de Mares. Entre outras, comisariou exposicións como « Terras de salitre. Cristina Mittermeier», que itinerou polas sedes de Afundación.