Unha galería que non agarda a que o público vaia ao seu encontro, senón que se pon en movemento para levar a arte directamente ás persoas.

«TRADI», de Esther López, é a primeira exposición de ARTE PARA LEVAR, o novo proxecto de Espacio Lupa Arte impulsado por Iago Eireos, que transforma un Mercedes 407D clásico nunha galería de arte itinerante.

O camión abandona o concepto de galería como espazo fixo para desprazarse e instalarse temporalmente en prazas e lugares de tránsito. Un formato móbil, accesible e próximo que busca achegar a creación contemporánea a novos públicos, especialmente en contornas rurais e fóra dos circuítos artísticos habituais, desta volta, o Camiño de Santiago.

Esther López presenta en TRADI unha reinterpretación da cultura tradicional galega a través da fotografía e do deseño. O proxecto, recoñecido co Premio de Excelencia Académica da Xunta de Galicia, aborda a identidade e a memoria colectiva desde unha linguaxe visual actual.

A exposición percorre a música, o baile, as festas, a indumentaria tradicional, as xoias, os costumes e as persoas que manteñen viva esta herdanza, entendendo a tradición non como algo inmóbil ou pertencente ao pasado, senón como unha realidade viva que continúa transmitíndose e transformándose.

Cinco fins de semana, cinco paradas no Camiño

A viaxe comeza este sábado 5 de setembro en Abadín e continuará cunha nova parada cada sábado:

5 de setembro – Abadín
12 de setembro – Vilalba
19 de setembro – Baamonde
26 de setembro – Lugo | Inauguración
3 de outubro – Portomarín

A programación prolongarase tamén durante o domingo posterior a cada apertura, cando a propia Esther López realizará un encontro-taller arredor de TRADI, no que presentará e compartirá co público as claves do seu proxecto artístico. A actividade será aberta e gratuíta, dirixida tanto á veciñanza de cada localidade como ás persoas peregrinas e a calquera persoa interesada en participar.

A proposta complétase con accións de mediación e recursos de accesibilidade, entre eles códigos QR e audiodescricións, reforzando a vontade de facer da galería un espazo próximo e aberto a diferentes públicos.

O proxecto conta co apoio do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.