Imaxen libre de dereitos

Xuño 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este venres unha nova convocatoria, a décimo oitava, do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, que terá lugar o domingo 8 de xullo. Neste certame poderán participar todas as e os artistas maiores de 18 anos que así o desexen presentando unha única obra, que non se poderá asinar ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado, composto por profesionais das artes plásticas.

O estilo e a técnica serán libres e a súa temática xirará sobre a cidade de Lugo en toda a súa extensión. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural. O soporte non superará as medidas de 100×81 centímetros, e presentarase o día do certame das 09:00 ás 11:00 horas na Concellería de Cultura para ser selado. O tempo para presentar as obras rematará ás 17:00 horas e realizarase o control na Praza Maior, onde se coñecerá o ditame do xurado ás 18:00 horas. A partir dese momento, as e os autores dos cadros non premiados poderán poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe. Esta exposición ao aire libre prolongarase ata as 20:00 horas, e mesmo as persoas participantes poden acudir con obras non premiadas de edicións anteriores e poñelas á venda xunto coas deste ano.

O importe total dos premios é de 5.550 euros distribuídos deste xeito: un primeiro premio dotado con 1.600 euros, un segundo con 1.100 e un terceiro, con 900. A maiores hai 5 accésits de 300 euros e un premio especial ao artista local, nacido ou residente en Lugo, de 450 euros. Ademais todas as persoas galardoadas recibirán un diploma acreditativo.

Inscricións

As inscricións, que serán gratuítas, realizaranse na Concellería de Cultura o propio día do certame. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982-29-72-12 ou 982-29-72-16, así como enviar un correo ao enderezo electrónico a cultura@concellodelugo.org. Cada persoa participante levará o material que poida necesitar e considere necesario para desenvolver o seu traballo, incluído (de ser posible) o seu cabalete onde se exporá a súa obra.