O lucense Jaime Pardo Valdés estrea documental en La 2.
«Gastronomía de origen: de la tierra al plato,» emitirase este domingo 18 de decembro, ás 14:30 horas en La 2
Recoñecidos profesionais lucenses da cociña e produtores locais achegarán ao espectador emblemas da nosa terra e mar, desde a faba de Lourenzá, o queixo da Ulloa, pasando pola tenreira galega, o porco celta ou a merluza de Celeiro
«Gastronomía de origen: de la tierra al plato», é unha produción da Deputación de Lugo para levar á pequena pantalla a calidade dos produtos lucenses e as súas bondades en alta cociña.
Recoñecidos profesionais lucenses da cociña e produtores locais protagonizan este audiovisual que achegará ao espectador a gran variedade de sabores que ofrece a provincia, así como a posta en valor da produción tradicional e sostible.
No documental aparecen, por exemplo, emblemas da terra e do mar con Indicación Xeográfica Protexida e Denominación de Orixe, como a faba de Lourenzá, o queixo da Ulloa, a tenreira galega, o porco celta ou a merluza de Celeiro.
Cunha duración de 52 minutos, Gastronomía de origen: de la tierra al plato é unha proposta culinaria que percorre a xeografía luguesa para espertar na audiencia novas sensacións e o amor á terra e ao traballo ben feito, a través de entrevistas e a elaboración de pratos que fusionan a esencia da tradición coas técnicas máis vangardistas.
Os cociñeiros, membros da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, que participan na cinta son: Santi Almuíña, do restaurante Colón; Nardo Eiroa, de Canedo Brasería; Bruno Pena, de Oca Playa Foz; Alejandro Méndez, dos Cachivaches; Antonio Lorenzo, da Faragulla Chantada; e Diego López, de Bulló Xantar.
En canto aos produtores, aparece Adrián Sixto Trigo, de Embutidos Hermelino; Roberto Hernández, de Gallaecia Delicatessen; José Cuadrado, de Terras da Mariña; Antonio Ferreiro, de Artelac, e Miguel Neira, dos armadores de Burela.
A produción, dirixida polo lucense Jaime Pardo Valdés, pasará a formar parte nos vindeiros tres anos da grella da cadea pública para vindeiras difusións, en diferentes días da semana e horarios, incluíndo as franxas de prime time. Tamén estará dispoñible á carta na plataforma da compañía de Radio Televisión Española.