Presentación de “Lugo Capital da Cultura do Eixo Atlántico”. A cidade acollerá o mellor das disciplinas culturais lucenses, do resto de Galicia e do norte de Portugal con accións para todos os públicos e todas as idades.
A música, a gastronomía, a literatura, a danza, o teatro, o patrimonio, a arte urbana ou as tradicións galego-lusas serán algúns dos eixos da axenda prevista de febreiro a novembro con máis dun centenar de actividades.
O evento inaugural, será o vindeiro xoves, 23 de febreiro, con Abraham Cupeiro e a Filarmónica de Braga no Auditorio Gustavo Freire, e para o cal se porán a disposición dos/as interesados/as, a partir do mércores 15/02, as entradas, totalmente de balde, no edificio de Novas Tecnoloxías do Concello en horario de atención ao público 10 a 14 horas e 16 a 20 horas), ata completar o aforo.
“Nesta xornada inaugural, tradición e modernidade uniranse a través do concerto conxunto do músico lucense, especialista na recuperación e reconstrución de instrumentos da anigüidade, e a orquestra lusa, que porá son á cerimonia”, avanzou Ana Abelleira, tenenta de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, que presentou a programación acompañada do secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao.
A música, será un dos piares da Capital da Cultura, cunha ampla e variada programación de concertos na Chanca, na contorna do río Rato. Tamén haberá un concerto de Semana Santa a cargo da Orquestra Ars Combinatoria, acompañada por solistas galaico-portugueses/as.
A gastronomía, como non podía ser doutro xeito, terá tamén un papel protagonista, tendo en conta o potencial culinario tanto de Galicia como de Portugal Unha feira gastronómica na Praza de Abastos baixo o título ‘Sabores do Eixo’ e o popular concurso de tapas que este ano incorporará produtos de denominación de orixe portuguesa son parte da programación.
Ademáis: catas literarias nas que participarán autores de gran prestixio, de ámbalas dúas marxes do Miño, para achegarnos as súas obras; tamén unha feira do libro infantil e xuvenil, e unha exposición de cómic, unha das disciplinas creativas máis actuais e completas
A arte urbana tamén contará cun espazo importante nesta cita. Así, Lugo converterase novamente nun lenzo para as obras de recoñecidos artistas galegos como Diego As, Marcos Pereira, Pía Piadosa ou Noemí Núñez, que intervirán en diferentes espazos da cidade con motivo desta cita. Así mesmo, organizarase o Festival Cores Atlánticas, que contará con zonas de pintado de graffitis, exhibicións de skate ou actuacións de DJs, entre outras actividades.
Por outra banda, as tradicións galegas e portuguesas estarán presentes en toda a programación a través de exposicións, conferencias e unha mostra de xogos populares de ambas rexións. O pasado romano de Lugo tamén terá protagonismo na Capital da Cultura a través do Arde Lvcvs, e as costumes e artesanía lucense e portuguesa terán oco nas festas patronais da nosa cidade, a través da feira Arte San Froilán.
Outras das disciplinas que incorpora a programación son: o cine, a través dun ciclo de mulleres directoras, baixo o título “Unha mirada en feminino”; a maxia, co festival “A maxia do Eixo”; a moda, coa celebración da “Gala Lucus Moda Atlántica”; a pintura, a través dunha exposición de arte lusa; a danza, co Encontro de danza universitaria; ou o circo, a través de representacións nas rúas da cidade.
O Miño, convertarase nun espazo de reflexión sobre a igualdade, a diversidade e a inclusión na sociedade actual, a través da cita “De perdidos ao Miño”, e tamén se aproveitará o espazo para a realización de actividades culturais durante os meses de verán.
Finalmente, a celebración do Tour do Talento, da man da Fundación Princesa de Girona. Estas actividades estarán especialmente dirixidas a mozos e mozas e contemplarán dende obradoiros, conferencias, mesas redondas, exposicións e outras de tipo lúdico
Información completa e a seguir na web oficial
Capital da Cultura
A Capital da Cultura é un programa que o Eixo Atlántico vén desenvolvendo desde hai 14 anos cunha ampla participación cidadá. O evento promove a creación cultural e a accesibilidade ao consumo cultural dos creadores e artistas, tanto galegos como do norte de Portugal.
A Eurorrexión Galicia-Norte do Portugal en xeral, e as cidades do Eixo Atlántico en concreto, posúen unha inmensa riqueza cultural, que estes anos coñeceu un notable auxe en practicamente todos os ámbitos da cultura. Os recentes premios Goya visibilizaron o excelente momento que o cinema galego está a vivir e que se une ao xa tradicional protagonismo do cinema no norte de Portugal. Así mesmo, ámbitos como a música, literatura, poesía, pintura, cómic, teatro, danza, a fotografía… tamén experimentaron un importante auxe nestes anos.
A Capital da Cultura do Eixo Atlántico quere, ademais, realzar o protagonismo dos creadores máis novos e das novas formas de cultura urbana integrando na súa programación música e pintura mural. Así mesmo, a Capital da Cultura tamén pretende poñer en valor a importancia das industrias culturais e a creación de emprego e actividades económicas a través da cultura.
Nesta sétima edición a cidade seleccionada polo Grupo temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico e ratificada na Asemblea Xeral, foi a proposta por Lugo como unha candidata que integra todas estas propostas culturais na súa programación cun elevado número de grupos e artistas das cidades da Eurorrexión. A cidade de Lugo toma o testigo de Braga, cidade que foi Capital da Cultura no 2021.