ACTUALIZACIÓN: ENTRADAS dispoñibles a partir do mércores 15/02 no edificio de Novas Tecnoloxías do Concello (por detrás da Casa do Concello na Pza Maior) en horario de 10 a 14 e 16 a 20 horas ata completar aforo. Dúas entradas por persoa. De balde. 
Abraham Cupeiro - Fonte: web oficial do artista
Concertos de Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga

O Auditorio Gustavo Freire acollerá o vindeiro día 23 de febreiro o evento inaugural da quinta edición da Capital da Cultura do Eixo Atlántico.

Lugo recollerá neste 2023 o relevo de Braga como capital cultural do Eixo.

A programación desenvolverase ata o mes de novembro e contemplará non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas.

A programación incluirá unha “interesante proposta vinculada ao pasado e a tradición, ao mesmo tempo que impulsa unha visión moderna de innovación e vangarda, cunha ampla oferta cultural pensada para a participación de público de todas as idades”, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo.

O Concello de Lugo dedicará ao Eixo Atlántico unha praza emblemática da cidade, na que recentemente se instalou a Fonte das Lavandeiras, a carón da Praza Viana do Castelo, onde quedará plasmada, así mesmo, a través dun mural de arte urbano, a unión dos pobos que conforman a Eurorrexión.

RECORDA

O evento de inauguración terá lugar o 23 de febreiro, a partir das 19:30 horas no Auditorio Gustavo Freire coas actuacións de Abraham Cupeiro e a Orquestra Filarmónica de Braga.

Abraham Cupeiro

Abraham Cupeiro, nado en Sarria en 1980, é un músico e musicólogo galego, coñecido por recuperar e reconstruír instrumentos da antigüidade; pola súa banda, a Orquestra Filarmónica de Braga é unha orquestra, fundada en Braga en 2015. Esta formación realizou numerosos concertos en Portugal e no estranxeiro, incluíndo unha xira en China, onde actuou en seis cidades diferentes. Desde a súa fundación está dirixida polo mestre Filipe Cunha.