Actividades de animación á lectura e contacontos no MIHL.  6 actividades para nenos e nenas, que terán lugar entre febreiro e abril 

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos.

 «Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero», explicou Maite Ferreiro.

«Do mesmo xeito que na última edición, realizaremos as actividades nas instalacións do MIHL, para continuar a promocionar esta instalación e a súa singularidade», explicou a edil de Cultura, que engadiu «para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es«. 

As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de seis actividades, que terán lugar entre o 23 de febreiro e o 27 de abril. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

Programación animación á lectura febreiro-abril 2023

Xoves, 23 de febreiro ás 18:00 horas

TRÉMOLA TEATRO, “Pipo, o paxaro que non sabía voar”

Idades: a partir de 2 anos

Duración: 45 minutos

Pipo é un paxariño que está moi triste porque non sabe voar. Un día aparecen por alí os seus amigos, que lle intentan axudar. Será capaz Pipo de aprender a voar grazas a súa axuda?

Xoves, 2 de marzo ás 18:00 horas

MIGALLAS TEATRO, “A nena e os tres osos”

Idades: de 1 a 3 anos

Duración: 40 minutos

Divertida e coidada proposta teatral con monicreques e cancións a cargo de Bea Campos. Unha peza visual baseada no conto clásico e adaptada para as crianzas máis pequenas.

Xoves, 16 de marzo ás 18:00 horas

MARTA ÓRTIZ,  “Coser e contar”

Idades: a partir de 4 anos

Duración: 45 minutos

Puntada a puntada percorreremos mundos onde os fíos falan, as caixas de costura abren as portas da fantasía e os bastidores de bordar son ventás onde asomarse a historias prohibidas. Unha homenaxe ás mulleres de mans sabias que foron as primeiras narradoras e transmisoras de coñecemento.

Xoves, 30 de marzo ás 18:00 horas

FRAN REI, “A historia de Brancaflor”

Idades: a partir de 3 anos

Duración: 60 minutos.

Un espectáculo a medio camiño entre a maxia e o contacontos dirixido polo Premio María Casares, Avelino González. Unha trama chea de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios que nos achega á lenda popular de Brancaflor.

Xoves, 20 de abril ás 18:00 horas

TRINKE-TRINKE TEATRO, “O ratiño presumido”

Idades: a partir de 3 anos

Duración: 50 minutos

A gran Lilí Gruyére ven de recibir un importante encargo profesional: a dirección do musical “A ratiña presumida”. Despois de reflexionar sobre os valores que transmite este conto, decide facer a súa propia versión: “O ratiño presumido”.

Xoves, 27 de abril ás 18:00 horas

XAROPE TULÚ,  “Estrafalaria”

Idades: a partir de 3 anos

Duración: 45 minutos

Alicia collera por costume escorregar por calquera buraco, sen importarlle o profundo ou sinuoso que fora. A Carlota déralle por escoller o seu camiño e embarcarse en aventuras emocionantes…Apetéceche escoitar as nosas rarezas?