O vindeiro 30 de maio, o Campus de Especialización Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela organiza na Praza Maior de Lugo, a 5ª edición da Feira de Primavera de Emprendedoras, que este ano leva por título “Artesanía e Innovación no Rural”.

Aberta de 10:30 a 18:30 horas, e de balde para toda a cidadanía, contará con 25 stands de mulleres artesáns da provincia de Lugo.

Tras o éxito das edicións anteriores —centradas na economía verde e circular, a innovación no rural e os sabores con raíz—, a feira de 2026 pon o foco na artesanía como motor de innovación e identificación cultural, integrando as dimensións de I+D+i, igualdade de oportunidades e valorización das producións locais.

Celebraranse dúas mesas redondas:

  • 11:00-11:45h: Mesa redonda: “Xuntas innovamos: cooperación e futuro na artesanía”.
  • 12:00-12:45h: Mesa redonda: “Artesanía circular e con propósito: posicionamento e potencial 
    de vendas”.

Por outra banda, a feira contará cunha demostración artesanal impartida pola empresa Fusaiola onde as persoas asistentes aprenderán a tecer e a empregar as técnicas básicas do gorullo mediante o emprego de teares de sobremesa de peite ríxido. 

Ademais, a partires das 13:45 está previsto un espazo de degustación con food truck e música e ambientación.

A 5ª Feira de Primavera de Emprendedoras está organizada polo Campus Terra da USC en colaboración co Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Creativas Galegas, Artesanía de Galicia e a Asociación de Artesáns de Lugo, e financiada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e por Caixa Rural.