Fillas de Cassandra actúa este xoves na luguesa Praza de Santa María no marco da Primavera Cultural da USC.
O concerto do dúo formado por María Soa e Sara Faro, un dos proxectos de música emerxente máis prometedores do panorama galego, comeza ás 21.00 horas. A entrada é libre e de balde
En caso de choiva, a actuación trasladaríase ao auditorio da Facultade de Veterinaria.
‘Fillas de Cassandra’, ofrecen este xoves un concerto, a partir das 21.00 horas, na luguesa Praza de Santa María, no marco da Primavera Cultural da USC, tal e como se denomina “o programa compacto que concentra a maioría de propostas culturais impulsadas dende a Universidade, integrando baixo un mesmo paraugas as iniciativas que levamos anos desenvolvendo xunto con outras novas a cargo de artistas emerxentes”, sinala a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias.
“A Primavera Cultural da USC busca plasmar a través das iniciativas artísticas o que lle preocupa á sociedade de hoxe, ademais de favorecer a reflexión, a crítica e a busca de respostas e propostas por parte do estudantado”, explica Murias, ao tempo que engade que esta nova iniciativa pretende outorgar unha maior visibilidade á programación cultural da USC entre a comunidade estudantil, porque “somos conscientes de que a cultura é unha ferramenta esencial no proceso de formación transversal”.
O concerto de Fillas de Cassandra, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial, permitirá a María Soa (voz, percusión e piano) e Sara Faro (voz e percusión) presentar ao público lugués cancións do seu repertorio e tamén os novos temas incluídos no seu primeiro traballo ‘Acrópole’.
Fillas de Cassandra
Fillas de Cassandra aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral, pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica.
O espectáculo que propoñen co seu primeiro disco bebe do teatro, convidando ao público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescatan da mitoloxía clásica e cos que pretenden estabelecer un diálogo, recoñecendo as súas vivencias presentes como mulleres nas das súas devanceiras.