A Rede Museística Provincial impulsa unha proposta formativa sobre o impacto da cultura na sustentabilidade e o benestar social
O programa, en liña e gratuíto está dirixido ao sector cultural, educativo e creativo, tanto lucense como da contorna iberoamericana
A Rede Museística Provincial de Lugo é unha referencia no contexto iberoamericano, onde é ben coñecida a súa filosofía vinculada á museoloxía social e o seu modelo de xestión, baseado na inclusión, o benestar da comunidade e a sostibilidade.
Dentro das súas liñas de traballo está a xeración de espazos de encontro para profesionais nos que facilitar dinámicas de aprendizaxe compartida.
Nos últimos anos foron varias as experiencias desenvolvidas nese sentido. A máis recente, o ano pasado, cando a súa comunidade de aprendizaxe acolleu a máis de 400 persoas (fundamentalmente da contorna ibérica e Latinoamérica) arredor da formación en liña Estratexias Dixitais para a Museoloxía Social.
Tralo éxito desta experiencia, a Rede Museística convoca unha nova proposta formativa, nesta ocasión baixo o título Museos, sustentabilidade, benestar / Avaliar, medir, mellorar.
Esta proposta está dirixida a persoas vinculadas ao sector cultural, educativo e creativo da contorna iberoamericana e ten carácter gratuíto. Comeza o vindeiro mes cun ciclo de sete conversas que se desenvolverán en liña todos os martes (17:00 a 18:30) do 2 de maio ao 13 de xuño, ambos incluídos.
As conversas, que levan por título O impacto da cultura no benestar e a sostibilidade: avaliar, medir e mellorar, permitirán ás participantes reflexionar, xunto a profesionais da contorna internacional, sobre como activar -dende os museos ou calquera proxecto de carácter cultural- diferentes prácticas para mellorar o benestar social e a sostibilidade, avaliando e medindo o seu impacto.
Participan o economista Pau Rausell, director da unidade de investigación en economía da cultura (Econcult) da Universitat de Valéncia, que abordará o impacto social da cultura e as novas formas de medir e avaliar; Encarna Lago e Ángeles Miguélez, xerente e traballadora da Rede Museística, que compartirán as estratexias de inclusión dende a empatía desenvoltas nos catros museos, xunto con Sergio Lago (BenCuriosa), que falará, a través de Implementa Cultura Accesible, de metodoloxías para diagnosticar barreiras de acceso e participación.
O ciclo de conversas deterase tamén na relación de arte e educación, e nas metodoloxías que favorecen o encontro entre contorna educativa, institucións culturais e parácticas artísticas transformadoras.
Tamén participan neste ciclo Hugo Cruz (Art & Participation, Portugal), que desenvolverá unha aproximación ao concepto de “calidade” da participación cultural e artística; Giada Calvano (co-fundadora Chloe Sustainability e investigadora cultural), que ofrecerá as claves dunha estratexia de sostibilidade ambiental, económica e social; Guillem d’Efak Fullana-Ferré (responsable de Acción Comunitaria, Programas Públicos e Comunicación do Museu Nacional d’Art de Catalunya) abordará a relación entre arte e saúde, mentres que Elena Villaespesa (Digital Analytics Lead na National Gallery of Art de Washington e profesora asociada visitante en Pratt Institute School of Information) falará de sostibilidade dixital e ferramentas para a súa avaliación.
Xa no mes de xuño, as persoas inscritas poderán acceder á formación Deseño e implementación dun plan de avaliación en Museoloxía Social, dirixido por Eloísa Pérez-Santos, investigadora de públicos de museos e profesora de avaliación psicolóxica na Universidade Complutense de Madrid.