«Iberia» de Isaac Albéniz soará coa forza do vento no Círculo das Artes

ZOAR. Quinteto de vento, en concerto o martes, 27 de febreiro de 2024 as 20:00 h.   

Promove: Sociedad Filarmónica de Lugo  

Sobre a Suite Iberia de Isaac Albéniz díxose…

“É a marabilla do piano, ocupa quizais o máis alto posto entre as máis brillantes mostras do instrumento rei por excelencia”.

Olivier Messiaen

“…o que fai a beleza desta música e o seu incomparable valor para España é que representa realmente para nós a imaxe lúcida e crepuscular, dun ambiente e unha época que xamais volveremos ver”.

Manuel de Falla

“Iberia! Iberia! Iso si que son cousas bonitas de dicir e mellor de tocar! O porto! Vállame Deus e que Porto! Entre aqueles lategazos dos seus dobre bemois seguidos de aquelas ferezas amansadas por sorrisos de manolas de Goya. Dille ao teu editor que mande a estes algúns exemplares de Iberia. Os que había por aquí limpounos a xente da miña academia. Quero que o toquen todos. Perdoa se moitos cho rebentan, pero é isto, unha maneira de dicirche que me gusta con delirio”

Enrique Granados

Non cabe dúbida que a Iberia é unha, se non a máis grande obra da literatura pianística española, e así o confirman estas citas de tres grandes compositores do século XX, Olivier Messiaen, Manuel de Falla e Enrique Granados.

Unha obra fantástica pero tamén extremadamente complexa e esixente para o pianista. Quizais por iso, Zoar, un grupo que se caracterizou sempre pola súa aposta pola nova música para quinteto de vento, xa sexa mediante o traballo con compositores, ou ben mediante as adaptacións da man dos seus propios membros, quizais por iso nace esta versión da Iberia para quinteto de vento, neste caso adaptada por David Villa, oboísta do quinteto. Desa idea de debullar esa complexidade, de extraer esas liñas melódicas, e darlles timbre, darlles vida a través dos sons dos cinco instrumentos desta formación para ventos (cinco que se converten en sete cando se incorporan o corno inglés ou o frautín).

A idea de instrumentar ou de orquestrar a Suite Iberia non é nova. Algúns compositores como Maurice Ravel quixérono facer, pero desistiron. Outros chegaron a completar varios dos seus cadernos, como Enrique Fernández Arbós, Carlos Surinach, Leopold Stokovski, Francisco Guerrero ou mesmo Peter Breiner chegou a completar a adaptación completa dos 12 números.

Neste caso, a adaptación para quinteto de Zoar levou seis anos de adaptación, correccións e revisións ata dar coa que seguramente é a primeira versión da Suite Iberia completa para quinteto de vento.

Unha Suite Iberia completa da que hoxe se presentan oito das doce pezas que a forman (catro cadernos), dada a dureza física que supón. Son o primeiro caderno ao completo (EvocaciónEl Puerto e Corpus Christi en Sevilla), dúas pezas do segundo caderno (Rondeña e Triana), dúas pezas do terceiro caderno (Albaicín e El Polo) e a última peza do cuarto caderno e por tanto a peza que conclúe a Suite (Eritaña).

Coa Suite Iberia, escrita entre 1905 e 1909, transportámonos a escenas típicas de Andalucía, paisaxes do sur, con melodías propias do folclore e sonoridades que nos achegan a algúns dos palos típicos da música flamenca.

Esta proposta musical que  se presenta no Círculo das Artes de Lugo rexistrarase nos próximos meses no que será o terceiro disco da formación Zoar.

ZOAR

Zoar é un conxunto de cámara estable e activo que traballa dende 2009. Creceu na busca dun estilo propio definido pola orixinalidade dos seus proxectos, unha aposta firme pola nova creación, a colaboración con outros artistas e a realización de proxectos pedagóxicos de calidade coa vontade de acercar a súa actividade a todos os públicos.

Entre as colaboracións con outros artistas destacan proxectos con Monicreques de Kukas, co escritor Manuel Rivas, ou o beatboxer Carlos Vidal ‘Lytos’ no proxecto Windbox. En 2014 foron invitados como solistas á Orquestra Gaos e en 2015 ao VintEnsemble.

O interese polo repertorio descoñecido, a recuperación do patrimonio musical esquecido e a aposta pola nova creación levaron ao conxunto a explorar máis alá do repertorio tradicional de música para formacións de vento e incorporar obras de compositores esquecidos, estreas de obras xa escritas pero nunca interpretadas ou gravadas, como neste caso Alevi dedeler raki masasinda do compositor e pianista turco Fazil Say, ou O elefante e o pallaso e A flor da Caiena do recoñecido clarinetista Paquito d’Rivera. Ademais, estrearon pezas de compositores como Gabriel Bussi, Juan Durán, José Luis Turina, Patrick van Deurzen así como encargos propios de Xabier Mariño, Óscar Álvarez, Federico Mosquera, Fernando Buide, Óscar Navarro e Carme Rodríguez. O número de arranxos e adaptacións realizadas polos integrantes da propia formación supera os 30.

Actuaron nos principais teatros galegos (Teatro Colón, Teatro Rosalía, Centro Ágora ou o Palacio da Ópera da Coruña, Teatro Jofre de Ferrol, Círculo das Artes de Lugo, Liceo de Ourense, CGAC e Cidade da Cultura en Santiago de Compostela) participando en importantes eventos culturais como a entrega dos Premios da Cultura Galega, en sucesivas edicións das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, no LVI Festival de Ópera da Coruña, no ciclo Enclave de Cámara de Ourense, no Ciclo de Outono do Museo das Belas Artes da Coruña, no Ciclo de Concertos Benéficos da Real Academia Galega das Belas Artes e nas tempadas das sociedades filharmónicas de Lugo, A Coruña e Vigo. Fóra de Galicia ofreceron recitais no País Vasco, Cataluña e Portugal. En 2016 quedaron finalistas dos III Premios da Música Martín Códax.

Foron invitados conxuntamente como profesores a encontros de orquestras xoves como a Xove Orquestra Clásica de Xove e a Xove Orquestra Nacional de Cataluña así como diversos cursos de verán.

En 2016 presentaron o seu primeiro CD No vento con música de Juan Durán publicado por Ouvirmos. En 2017 presentan unha dobre publicación, CD e partituras, coa música completa do compositor betanceiro Carlos López García-Picos.

Zoar está composto por cinco músicos, á frauta: Joan Ibáñez, coprincipal da Sinfónica de Galicia; ao óboe: David Villa, asistente principal da Sinfónica de Galicia; ao clarinete: Antonio Suárez, profesor do Conservatorio de Culleredo; á trompa: Benjamín Iglesias, profesor do Conservatorio Profesional da Coruña; ao fagot: Álex Salgueiro, coprincipal da Sinfónica de Galicia.