A Rede Museística pon en valor a educación e a investigación nos museos cun nova edición das súas Estratexias da Museoloxía Social
As sesións formativas en liña, a cargo de profesionais de museos de España e Latinoamérica, desenvolveranse os martes do 9 ao 30 de abril

A Rede Museística Provincial de Lugo presenta unha nova edición de Estratexias da Museoloxía Social, centrada este ano na educación e na investigación como funcións irrenunciables e fundamentais dos museos.

A deputada de Cultura Iria Castro e a xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, xunto ás persoas que desenvolven as actividades didácticas dos museos provinciais e Sergio Lago, director de proxectos de Ben Curiosa, presentaron a iniciativa que se materializa nun espazo virtual de aprendizaxe, un ciclo de conversas con profesionais de referencia internacional e un obradoiro baseado na innovación e a creatividade.

A temática desta terceira edición das Estratexias da Museoloxía Social aliña á Rede Museística co Consello Internacional de Museos-ICOM, que propón celebrar o Día Internacional dos Museos (18 de maio) baixo o lema «Museos para a investigación e a educación». 

Neste sentido, a Rede destaca que ambas funcións son o alicerce de museos críticos, analíticos e xeradores de coñecemento, ademais de ser parte da propia definición do museo. 

Así, baixo o título #EdMS24 | Investigar e aprender no museo: outro tempo, a Rede ofrece a participación nunha experiencia que vai máis alá dunha proposta formativa para xerar un espazo amplo de conversa, posta en común, aprendizaxe e pensamento colectivo. Aberto, como en edicións anteriores, ao equipo dos catro museos provinciais e a profesionais doutros museos e eidos culturais da contorna iberoamericana.

Conversas con profesionais referentes da educación e a innovación nos museos

A primeira das accións que contempla esta nova edición de Estratexias da Museoloxía Social (#EdMs24) é un ciclo de conversas coa educación e a
investigación como eixo principal e o tempo como fío condutor.

Este ciclo desenvolverase baixo a premisa de aprender compartindo vivencias, propostas e reflexións sobre estratexias, formatos e experiencias que traballan a xeración de novo coñecemento dende outros tempos: os que permiten a profesionais e comunidade investigar, experimentar, educar e aprender.

As conversas serán unha oportunidade única para escoitar e reflexionar da man de destacados profesionais da nosa contorna e do ámbito latinoamericano vinculados á educación e investigación nos museos e que son, actualmente, referentes internacionais nestes campos culturais:

• 1:  Rufino Ferreras, responsable de Desarrollo Educativo do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid e coordinador de EducaThyssen.org, e
Chiqui González, xestora cultural, especialista en Infancias e Museos eex- ministra de Innovación e Cultura da provincia de Santa Fe-Arxentina.

• 2: Olaia Fontal Merillas, directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España -OEPE, e Nayeli Zepeda, mediadora, investigadora e co-fundadora de Educadorxs de Museos e NodoCultura (México).

• 3: Clara Boj, artista, investigadora cultural e docente en la U.P. de València.  Co-directora do Programa Experimental de Mediación y Educación a través del Arte Permea-Consorci de Museus de la Comunitat Valenciana e Universitat de València, e Esteban Torres Hormazábal, xefe de Educación, Mediación e Audiencias do Museo Violeta Parra de Chile e Director da iniciativa Museo de los Museos.

• 4: María Cacheda Pérez , xestora de patrimonio cultural e educadora con perspectiva feminista e inclusiva. Área de Mediación da Axencia Catalana do Patrimonio Cultural, e Johanna Palmeyro museóloga, curadora pedagóxica e impulsora de Movimiento Justicia Museal.

Celebrarase en liña todos os martes do 9 ao 30 de abril -ambos incluídos- a través dun espazo virtual ao que se accede mediante inscrición previa.

Un obradoiro en outono como peche a #EdMS24 

Ademais, o Pazo de Tor acollerá en setembro un obradoiro presencial para o equipo da Rede Museística, que se abrirá tamén á participación das profesionais doutros ámbitos que así o desexen.

Facilitarán esta proposta práctica Leonardo Casado e Violeta Bronstein, dous profesionais de referencia no eido museístico que ofrecerán a posibilidade de desenvolver nunha única xornada intensiva un exercicio de balance do escoitado, reflexión crítica e imaxinación colectiva.

Con este taller a Rede Museística Provincial busca profundar nas posibilidades de mellora e innovación na investigación e a educación, dentro do seu contexto e recursos. Un marco moi próximo ao de numerosos museos e proxectos culturais de contextos territoriais semellantes e que traballan, como é o caso da Rede, en relación estreita coa súa comunidade.

Inscricións

Toda a información e o formulario de inscrición para o ciclo de conversas de #EdMS24 Investigar e aprender no museo: outro tempo está en
https://comunidadermpl.gal/estratexias-de-museoloxia-social-2024/

Máis de 700 persoas de diversos países participaron xa en Estratexias da Museoloxía Social, que no 2022 estiveron adicadas a coñecer estratexiasdixitais  específicas para o eido museístico e no 2023 á relación entre museos, sustentabilidade e benestar.