Certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega”

Esta iniciativa posta en marcha pola Tradescola, está dirixida a todos os escolares de 1º,2º e 3º de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo

O certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega” é unha iniciativa posta en marcha pola Tradescola (escola de música e baile tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo) en colaboración coa Área de Cultura (Vicepresidencia) da Deputación de Lugo e que acada este ano a súa décimo primeira edición.

A finalidade desta actividade, dirixida ás nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música e a cultura tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma.

Na presentación do certame contouse coa participación da Deputada provincial de Cultura Iria Castro, a concelleira de Cultura do Concello de Lugo Maite Ferreiro e a Coordinadora da Tradescola Mónica Fernández.

A Tradescola constitúe un proxecto educativo que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste XI Certame de debuxo sobre o baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.

Os debuxos e os dorsos dos debuxos, deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola ( tradescola@gaiteirosgalegos.gal) ata o 5 de abril de 2024.

O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material didáctico. 

Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador@ que recibirá un premio consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no curso 2024/2025. 

O centro educativo ao que pertenza @ gañador@, terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2024/2025.