Coñece todas as charlas científicas do «DivúlgaT24» que se celebrará en O Vello Cárcere.

Xoves 28/11 e xoves 05/12 ás 19:30 horas. Charlas distintas cada xornada.

Un evento que achega a ciencia de forma amena a todos os públicos. De balde.

Achégate e descubre: a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan Galego”, o tránsito das colmeas tradicionais (fixistas) ás colmeas modernas (mobilistas) en apicultura, a Endometrite Subclínica (ES) nas vacas, as feromonas nos coellos, unha aplicación informática capaz de deseñar de xeito automático infraestruturas lineais, como estradas ou liñas de ferrocarril, A Pita Piñeira, unha raza autóctona de Galiza, e moito máis.

XOVES 28 DE NOVEMBRO
Coñecendo os Límites Seguros e Xustos do Planeta

Sebastián Villasante

Charla sobre os límites seguros e xustos do Planeta, e como é necesario desenvolver políticas en todas as esferas (individuais, colectivas, institucionais) para xerar cambios transformadores positivos para a natureza e o benestar humano.

Os Simpson predixeron a miña tese de doutoramento: peixes e radiación

Rocío Valín 

O peixe cebra é un modelo animal empregado para estudar enfermidades e condicións xenéticas humanas. Por outra banda, a radioterapia é un dos tratamentos máis habituais contra o cancro.

Grazas á radioxenómica, a cal consiste no estudo da variación xenética asociada ca resposta á radioterapia, podemos ver como determinadas mutacións no noso ADN van afectar ao desenvolvemento de efectos secundarios tras a exposición á radiación.

Sabor e identidade en cada bocado

M. Pilar España Fariñas 

O pan galego é amplamente recoñecido pola súa calidade, cun sabor único grazas ao uso de variedades de trigo autóctonas. Co fin de preservar a tradición panadeira, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pan Galego” foi rexistrada recentemente, a cal certifica que o pan tradicional galego debe conter un mínimo do 25% de fariña procedente de variedades locais de trigo, como ‘Caaveiro’ e ‘Callobre’.

Dende a “Cátedra do Pan e do cereal” estase a avaliar o efecto na composición nutricional do pan galego entre as variedades de trigo ‘Caaveiro’ e ‘Callobre’, tendo en conta os efectos do sistema de cultivo (ecolóxico e convencional) e a proporción de cultivar autóctono (100% e 25%, o contido mínimo requirido pola IXP “Pan Galego”).

Contra o vicio de mandar, a virtude de non obedecer. As resistencias do campesiñado contra o poder nas sociedades tradicionais.

Rubén Castro Redondo

Contra a imaxe tradicional arriba-abaixo (top-down) na que a realidade se explica só a partir da acción de leis e normas por parte dos poderes políticos, económicos, relixiosos ou sociais, proponse agora incorporar «ós de abaixo» como suxeitos activos no cambio histórico.

Para iso, exemplifícanse actos de resistencia na Idade Moderna, fundamentalmente do campesiñado, pois este colectivo englobaba ó 95% das sociedades preindustriais.

Da apicultura fixista á mobilista en Galicia

Damián Copena Rodríguez

Amosa traballos publicados en revistas científicas que abordan o tránsito das colmeas tradicionais (fixistas) ás colmeas modernas (mobilistas) desde as décadas finais do século XIX en Galicia e no Estado.

Analízanse os dous modelos apícolas, as políticas públicas para fomentar a modernización e as dinámicas experimentadas ao longo do tempo

Feromonas en coellos

Renato Barrionuevo Ponce

As feromonas defínense como substancias liberadas por un individuo que teñen unha influenza específica na fisioloxía, comportamento ou desenvolvemento doutros individuos da mesma especie.

Na charla descríbense as estruturas responsables da detección, procesamento e secreción de feromonas nos coellos, incluíndo o órgano vomeronasal, o bulbo olfativo, a glándula submandibular e a glándula de Harder.

Tamén se realizou unha clasificación xeral das feromonas segundo o seu papel no comportamento desta especie.

A ameaza oculta das vacas

Antía Acción Carro

A prevalencia de alteracións uterinas nas vacas de leite é elevada e é causa de numerosos fallos reprodutivos.

Nas últimas décadas, houbo un crecente interese científico na Endometrite Subclínica (ES) debido á súa elevada prevalencia e efectos na reprodución. Como consecuencia, determináronse unha serie de métodos sinxelos para o seu diagnóstico.

A pesar do elevado número de traballos científicos sobre esta patoloxía, o tratamento efectivo segue sen estar correctamente caracterizado. Tradicionalmente tratábase mediante antibióticos, pero en base aos novos achados e ás resistencias xeradas, non se considera o tratamento máis adecuado. Debido a isto nos últimos anos, se investigaron alternativas innovadoras no tratamento con resultados prometedores.

XOVES 05 DE DECEMBRO
Entre o esquecemento e a area: xenómica da conservación da camariña, arbusto endémico da Península Ibérica.

Adrián Casanova Chiclana

Corema album (camariña/caramiña en galego) é un arbusto endémico da Península Ibérica. 

Nas últimas décadas, o interese científico por esta especie aumentou debido ao declive das súas poboacións naturais e ás propiedades nutricionais dos seus froitos. 

Esta investigación está centrada no primeiro, enmarcado no Proxecto Europeo “LIFE INSULAR” (https://www.lifeinsular.eu/). 

Realizouse unha mostraxe que incluíu 217 plantas silvestres de 14 localidades, para levar a cabo o primeiro estudo de xenómica da conservación desta especie. 

Cos resultados obtidos até o momento identificáronse posibles unidades de xestión así como as poboacións máis vulnerables. 

Estes resultados combinados cos obtidos doutras disciplinas, axudarán a desenvolver accións de conservación e xestión para preservar a diversidade xenética desta especie, contribuíndo á biodiversidade no marco deste proxecto LIFE.

DOILi: un software automático de deseño de infraestruturas lineais

Pedro Blanco Valcárcel

Preséntase DOILi coma unha aplicación informática capaz de deseñar de xeito automático infraestruturas lineais, como estradas ou liñas de ferrocarril

Árbores baixo presión

Gonzalo Pérez de Lis Castro

Para poder vivir, as árbores transportan auga desde as raíces ata as follas, utilizando un sofisticado sistema de transporte que leva ao limite as leis da física. Basta con pensar en que algunhas especies arbóreas poden superan os cen metros de altura. Porén, as condicións climáticas extremas poden afectar o funcionamento deste sistema, causando estrés e mesmo a morte por colapso. 

Nesta presentación farase un percorrido polas estratexias que as árbores teñen para enfrontar o estrés por causas climáticas e o desafío que supón o cambio climático para os nosos bosques.

Benestar como estratexia gañadora

Guadalupe Vila Vázquez

Charla acerca da importancia que ten para as empresas cuidar o benestar do seu cadro de persoal. Asimesmo, poderían indicarse unha serie de recomendacions baseadas en estudios previos para promover dito benestar.

Biogas y fertilizantes

Antonio Moreno Robles

A partir de residuos ganaderos, se han planteado dos dietas de digestión anaerobia. El trabajo consiste en evaluar el potencial energético y fertilizante. Para ello se hace uso de técnicas analíticas complejas como la resonancia magnético nuclear y ensayos de campo con los cultivos más comunes gallegos.

Onde está a Piñeira?

Nicolás Mejuto Vázquez 

A Pita Piñeira é unha raza autóctona de Galiza que está en vías de recoñecemente como tal perante o Ministerio de Agricultura.

Un dos requisitos para acadar esta acreditación é o estudo histórico da raza.

Nesta charla preséntase un percorrido polas fotografías de feiras, familias, prácticas tradicionais, etc. da Galiza rural coa fin de atopar estas galiñas e verificar que levan no noso agro durante décadas.