Afundación propón unha viaxe pola historia da gaita na súa nova exposición en Lugo
A Sede de Afundación en Lugo acolle a exposición «Cornamusas primitivas e iconografía da gaita» sobre a historia do emblemático instrumento musical.
A mostra, que está formada por instrumentos históricos do Museo Internacional de Cornamusas da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, percorre as representacións das gaitas en diferentes partes do mundo dende o s. VI d.C. e inclúe un breve estudo da súa iconografía na provincia lucense.

Hai máis de 2.600 anos, na antiga Persia, na actual zona de Irán, as cornamusas xa eran obxecto de representación artística.
Durante séculos, o ser humano expandiunas polo planeta e foi dándolle diferentes formas e nomes.
Sobre a viaxe do instrumento musical polo tempo e o espazo, e sobre como foi representada co devalar dos séculos, trata a exposición «Cornamusas primitivas e iconografía da gaita», inaugurada hoxe na Sede de Afundación en Lugo e que poderá ser visitada ata o vindeiro 10 de maio.
A mostra parte da representación máis antiga que hoxe se conserva do instrumento, no conxunto escultórico sobre rochas de Taq-i-Bostan (Irán), e adica un capítulo especial á iconografía da gaita na provincia de Lugo.
A historiadora e música Ruth Foxo, e o musicólogo e director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, comisarían a exposición. Promovida tamén pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, o proxecto que deu lugar a esta mostra nace, en palabras de Ruth Foxo, da intención de «volver a mirada introspectiva ao enxeño creador dos séculos».
Asegura a comisaria de «Cornamusas primitivas e iconografía da gaita» que o público poderá asistir na mostra a «unha itinerancia expositiva que dá conta do proceso expansivo que viviu o fenómeno da gaita por Europa, norte de África e parte de Asia».

«Valiosísimo documento»
A exposición tamén aproxima ao público o «valiosísimo documento», sinala Ruth Foxo, que conforman as diferentes denominacións da gaita «en cada rexión cultural».
A gaita chega aos tempos actuais dende «a máis remota antigüidade». Cada pobo e cada cultura déronlle a súa pegada morfolóxica e tímbrica.
A viaxe que plantexa a exposición «Cornamusas primitivas e iconografía da gaita» é tamén un percorrido, a partir da gaita, por terras coma as actuais Suecia, Xeorxia, Romanía, Croacia, Tunisia, Irán, Turquía, Malta, Ucraína ou España.
A cornamusa nace, lembra Ruth Foxo, coma un «mero desenvolvemento da frauta de cana simple» para chegar «desde culturas como a exipcia e a persa ata outras como a grecolatina» estendéndose por Europa, África e Asia.
As persoas que visiten «Cornamusas primitivas e iconografía da gaita» poderán coñecer tamén como foi variando, na xeografía e no tempo, a maneira de representar o instrumento.

Visita con obradoiro
O equipo didáctico de Afundación deseñou unha visita guiada con obradoiros adaptados ás diferentes idades dos escolares, nos que descubrirán a importancia da música na historia e na sociedade, o valor das vestimentas e a transcendencia que este instrumento aerófono tivo na conformación da nosa cultura.
Desde Infantil a cuarto de primaria poderán participar nunha visita-conto con obradoiro, «A arte de converter o aire en música»; para os grupos de quinto de
primaria a segundo de ESO a visita-obradoiro será «Fun polo aire e vin polo vento» e desde terceiro da ESO ata Bacharelato e Ciclos Formativos poderán asistir á visita comentada con obradoiro opcional «Cornamusas primitivas e iconografía da gaita, historia da civilización».

Cultura por alimentos
Esta exposición forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).
As persoas asistentes poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin na Sede de Afundación en Lugo.
As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Lugo e a súa área de influencia.

Sede Afundación Lugo
- Dirección:Praza Maior, 16 / Praza Santa María, s/n , Lugo . 27001 , Lugo
- Información 982 289 096
Horario:
LUNES a SÁBADOS | 17.30 a 20.30 h
DOMINGOS E FESTIVOS | pechado
Entrada: Gratuíta