Claudio Rodríguez Fer elixido membro da Academia Europea de Ciencias e Artes.

A Academia Europea de Ciencias e Artes, asociación internacional non gobernamental comprometida coa promoción do progreso científico e social, elixiu como membro ao escritor lucense Claudio Rodríguez Fer.
Trátase dunha sociedade composta por científicos e artistas dedicados á investigación innovadora, á colaboración interdisciplinaria e transnacional e ao intercambio e difusión de coñecemento, que elixe como membros a personalidades destacadas polos seus logros nas ciencias, nas artes e na sociedade en xeral (conta con 38 premios Nobe), tratando de tender pontes colaborativos e de contribuír á unidade de Europa con especial atención á súa historia, linguas, tradicións e cultura, sempre en defensa da paz e da tolerancia.
Claudio Rodríguez Fer é autor dun cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta.
Recibiu diversos recoñecemento en áreas literarias (Premio da Crítica Española por Tigres de ternura e Día da Poesía Galega en Montevideo), investigadoras (Premio Losada Diéguez por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil), académicas (Premio Extraordinario de Doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela e Doutoramento Honoris Causa na Universidade da Alta Bretaña), culturais (Premio Cunqueiriano de Honra), cívicas (Premio Galiza Mártir de Memoria Histórica) e internacionais (Medalla Eminescu en Romanía e Premio Babel en Estados Unidos).
Reuniu a súa lírica en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos, así como poesía visual en Cinepoemas e Corpoética.
Está traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, italiano, romanés, grego, ruso, bretón, catalán, esperanto) e o seu poema “A cabeleira” publicouse en máis de oitenta linguas dos cinco continentes da Terra.
Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, coordina os cadernos interculturais Unión Libre e foi profesor universitario en Nova York, París, Rennes e Lorient.
Publicou libros e edicións sobre Emily Dickinson, Dostoievski, Tolstói, Cavafis, Antonio Machado, Borges, Cernuda, Gamoneda e moi numerosos escritores galegos.
A cerimonia de ingreso de Claudio Rodríguez Fer terá lugar en Salzburgo (Austria), onde está radicada a asociación, na sesión plenaria do 7 de marzo de 2026.