
Aberta a inscrición nas xornadas de benvida á USC en Lugo.
Terán lugar do 15 ao 30 de setembro.
Visitas guiadas, representacións teatrais, torneos deportivos, obradoiros de igualdade e diversidade así como aulas abertas de distintas disciplinas de danza, de música e de prácticas deportivas… e máis.
Entre o extenso programa de actividades deste ano destacan as actuacións de Mondra e Grande Amore.

A Universidade de Santiago daralle a benvida ao seu estudantado nas xa tradicionais xornadas de inicio de curso #BenvidaUSC que este ano se desenvolverán do 15 ao 30 de setembro en Santiago e Lugo con múltiples actividades gratuítas de carácter cultural e deportivo así como de presentación dos servizos que a USC pon a disposición da comunidade universitaria.
Entre o extenso programa de actividades deste ano destacan as actuacións de Mondra e Grande Amore, que xuntos protagonizarán un Meet & Greet o luns 22 ás 20.30 horas no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca de Santiago e o martes 23 ás 19.00 horas na Casa do Saber de Lugo. Ademais, o mércores 24 actuará Grande Amore ás 20.30 horas na explanada da EPSE e o xoves 25 será a quenda de Mondra (con Ulex de abreconcerto) ás 20.30 horas na Praza de Mazarelos.
“Con esta extensa programación a USC ábrese ás dúas cidades onde está emprazada para darlle a benvida ao seu estudantado e a toda a comunidade universitaria”, afirma a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, quen se congratula de que estas xornadas sexan un evento consolidado, “que conta con grande expectación e que é xa moi agardado cada comezo de curso polo estudantado”.
Estas xornadas “son froito dun esforzado traballo de programación anticipada en materia cultural, de maneira que a Universidade compostelá se ten convertido nun programador cultural máis tanto en Santiago como en Lugo”, engade.
#BenVidaUSC
#BenVidaUSC chega á súa cuarta edición coa vontade de que a comunidade universitaria coñeza de primeira man todo o que a USC ofrece máis alá da formación específica de cada titulación.
Trátase de actividades cun contido lúdico pero de carácter transversal que tamén son chave na formación de cada estudante. A filosofía do programa de actividades deseñado pola USC pasa por dar a coñecer ao estudantado as diferentes alternativas que, como complemento á súa formación, lles ofrece tanto a propia institución académica como as cidades de Lugo e Santiago.
Os programas nos dous campus contemplan visitas guiadas, representacións teatrais, torneos deportivos, obradoiros de igualdade e diversidade así como aulas abertas de distintas disciplinas de danza, de música e de prácticas deportivas. Ademais, haberá presentacións e encontros coas persoas responsables de servizos da USC como a Unidade de Atención Psicolóxica, a Oficina de Igualdade de Xénero ou o SEPIU
A maiores, o programa de Santiago ofrece outros dous eventos de importancia, como son o acubillo do Festival Compostela Street na fin de semana do venres 19 ao domingo 21 e de distintas funcións do Festival Maré que se celebrará entre o venres 26 e o domingo 28 e para o que a USC ten reservadas 20 entradas de balde en cada unha delas. Tamén en Lugo haberá un evento especial, como a foliada do día 18 ás 19.30 horas na explanada da EPSE, coa colaboración de moito estudantado da USC.
Para participar nas actividades é preciso inscribirse de balde, excepto nos concertos de Mondra e Grande Amore e para o Compostela Street, que son de entrada libre ata completar capacidade.
A xornada #BenvidaUSC conta, en cada un dos campus, co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña e coa Concellaría de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo.
@universidade_usc @cultura_usc
Abre o prazo de inscrición na programación de danza do campus de Lugo