- Este evento ha pasado.
Presentación do libro «Benu Zula e a Unicornia Branca»

Presentación do libro «Benu Zula e a Unicornia Branca»
Sábado día 20,ás 19 horas, no Vello Cárcere de Lugo
De Ánxela Gracián e Christian Villamide
«Unha historia de nubes, si, cirros, cúmulos, nimbos, estratos, superestratos… que un día calquera alguén se detén a contemplar e nas súas formas evanescentes e efémeras ve proxectada a súa propia historia, coa clarividencia das nigromantes debullando no corazón de certas aves agoireiras.
Unha historia reconstruída dende o recordo dos encontros azarosos, dos momentos felices únicos, da sombras da sospeitas da traizón, da posesión obsesiva e empobrecedora, e dese sufrimento limitante e innecesario do que só un se libera coa ruptura.
Neste proxecto conxunto con Christian Villamide, a inmersión total no azul acompasa as palabras cun xogo de imaxes encontradas, desencontradas ou xiradas nun caleidoscopio sutil e de asombrosa beleza e capacidade de suxestión.
Xulio López Valcárcel aloumiñouno e creu nel dende o primeiro momento e apostou por unha edición tan fermosa como luxosa coa que sempre estaremos en débeda.
Acompáñannos tamén a violinista Danielli Rodrigues e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro.
Moitas grazas a todos eles e vós, queridos amigos e amigas, quedades convidados a voar con Benu Zula e a Unicornia Branca o próximo sábado.
Será unha viaxe libre de ataduras, búsolas ou destino prefixados de antemán durmindo nas copas altas do sabugueiro gris. Na busca só de Ítacas de beleza.» Ánxela Gracián



























