Investigadores e investigadoras presentan os seus proxectos de forma amena e creativa para achegar a ciencia á sociedade, promover vocacións científicas e o uso do galego como lingua de divulgación.

O Vello Cárcere de Lugo será unha vez mais o escenario dos monólogos científicos da décima edición do certame DivúlgaT25 en lingua galega.
Organizada pola asociación Agromar da Universidade de Santiago de Compostela, esta iniciativa consolidada busca achegar á cidadanía o traballo investigador que se realiza no Campus de Lugo, sementar vocacións científicas entre a mocidade e reforzar o uso do galego como lingua de divulgación.
Os monólogos serán presentados nunha gala aberta á cidadanía, combinando rigor científico con creatividade e capacidade comunicativa. Estas intervencións son froito dun proceso de formación previa, que inclúe un obradoiro específico para transformar discursos técnicos en mensaxes divulgativas, accesibles e atractivas para todos os públicos.
A primeira sesión do certame terá lugar o día 22 de outubro ás 19:00 horas e estará centrada en cuestións de gran relevancia para a saúde e o medio rural.
Abordaranse temas como os patóxenos (bacterias e parasitos), a medicina preventiva en granxas, o uso de mecanismos moleculares na biomedicina, as augas rexeneradas e o papel dos sentinelas ambieNtais na vixilancia da saúde pública.
O día 30 de outubro ás 19:00 horas acollerá a segunda sesión do DivúlgaT25 con temas diversos e sorprendentes, como as migracións humanas, os polímeros extraídos do medio mariño, a IA ao servizo dos carballos galegos, o impacto dos mosquitos como vectores de enfermidades, os fungos parasitófagos e a miase nos corzos.
A décima edición do certame conta co apoio da Deputación Provincial de Lugo e representa unha oportunidade única para dar a coñecer o talento investigador do Campus de Lugo, promover unha cultura científica próxima e inclusiva, e reivindicar o uso do galego como lingua válida e eficaz para comunicar coñecemento.
