A Academia Galega do Audiovisual presentou hoxe en Lugo a ampla programación de actividades que se desenvolverán durante os meses de febreiro e marzo como antesala da gala dos Premios Mestre Mateo. O obxectivo desta programación é achegar á cidadanía a festa do audiovisual galego e fomentar a súa participación activa.

O anuncio realizouse nunha rolda de prensa celebrada este mércores, na que participaron Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual; Carmen Méndez, vicepresidenta; Efrén Castro Caloto, vicepresidente da Deputación de Lugo; Iria Castro Fernández, deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística; Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo; e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.
Resumo do Programa:
Anuncio de finalistas
3 de febreiro | 11:30 horas | O Vello Cárcere
 
Proxección longametraxes finalistas
Febreiro e marzo | 19:00 horas | Codex Cinema
 
Encontro co público: detrás dos Mestre Mateo
20 de febreiro | 11:30 horas | Salón de actos da Deputación de Lugo
 
Encontro co público: presentadores da gala e Premio de Honra
5 de marzo | 19:00 horas | O Vello Cárcere
 
Xuntanza de finalistas
6 de marzo | 19:00 horas | Museo Mihl
 
Espectáculo especial XXIV Premios Mestre Mateo
21 de marzo | 21:30 horas | Escenario 300 do Auditorio Fuxan os Ventos
 
Podes reservar a túa entrada chamando ao 633 24 56 39 en horario de 10:00 a 17:00 horas ou escribindo a actividades@academiagalegadoaudiovisual.gal indicando actividade/s e o teu nome.
PROGRAMA DETALLADO:

O vindeiro 3 de febreiro, desde O Vello Cárcere, daranse a coñecer os finalistas desta edición dos Premios Mestre Mateo, un dos momentos máis esperados do audiovisual galego. 

Por primeira vez, o público poderá asistir á lectura de finalistas, que correrá a cargo do comunicador Juan Fuentes, coñecido por presentar o programa Quen anda aí? e gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Comunicador, e a actriz Andrea Fernández, finalista a un Premio Mestre Mateo na categoría de mellor actriz polo seu papel no filme As Neves. Quen serán os presentadores da gala é un dos segredos mellor gardados ata o momento pola Academia, pero os seus nomes serán desvelados durante o transcurso do anuncio de finalistas, xa que está previsto que acudan ao evento e fagan unhas declaracións.  

Unha vez coñecidos os finalistas, o público de Lugo terá a posibilidade de asistir ás proxección das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, que contarán coa presentación dos equipos das obras. 

As sesións serán gratuítas, de acceso libre ata completar capacidade e celebraranse os días martes 10, mércores 11, mércores 18, xoves 19, martes 24 e mércores 25 de febreiro, así como os días martes 3 e mércores 4 de marzo ás 19 horas. A guionista Clara Coira será a encargada de moderar os coloquios cos equipos dos filmes. 

O público asistente a estas proxeccións poderá participar na iniciativa Pasaporte Mestre Mateo, coa que recibirán un agasallo oficial e unha entrada de acceso ao espectáculo especial para seguir a gala do 21 de marzo.   

Ademáis de poder ver en pantalla grande as obras finalistas, o público de Lugo tamén poderá coñecer de primeira man secretos e aspectos ocultos da gala da man dos seus protagonistas en sendos encontros. O 20 de febreiro, no salon de actos da Deputación de Lugo, os responsables de organización e prensa da gala falarán dos aspectos máis descoñecidos e interesantes da organización interna do evento nunha charla titulada «Detrás dos Premios Mestre Mateo».

Pola súa banda, o xoves 5 de marzo no Auditorio do Vello Cárcere organizarase un encontro cos presentadores da gala e co Premio de Honra, tamén de acceso libre ata completar aforo. Este encontro estará conducido e moderado por Pepe Capelán, presentador do programa “Pensando en tí” da Radio Galega.

Premio Especial do Público

Co obxectivo de implicar á audiencia no transcurso dos galardóns e reforzar o vínculo do audiovisual galego cos seus espectadores, por primeira vez nos Premios Mestre Mateo o público terá a oportunidade de votar pola súa película favorita de entre todas as finalistas. 

A longametraxe gañadora do Premio Especial do Público darase a coñecer xunto cos premios especiais á promocion da lingua e ao fomento da sostibilidade, na tradicional Xuntanza de Finalistas previa á gala, que neste ocasión terá lugar o día 6 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). 

Gala Premios Mestre Mateo

A gala dos Premios Mestre Mateo terá lugar o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. Asistirán un total de 900 persoas, a cidade converterase no epicentro do audiovisual galego. 

A gran noite do cinema e da creación audiovisual contará coa tradicional alfombra vermella, pola que desfilarán rostros destacados do sector, profesionais finalistas e personalidades do ámbito cultural e institucional, nunha celebración que reunirá ao mellor do audiovisual galego do último ano.

Este ano, como novidade, ademáis da Gala de entrega de Premios a Academia organizará un espectáculo en directo para que o público poida seguir a gala desde un dos escenarios do propio Auditorio Fuxan os Ventos. A función especial estará presentada polo cómico Rafa Durán e incluirá numerosas sorpresas. Ademais, o público asistente poderá inmortalizar o momento nun photocall exclusivo e vivir de preto a experiencia da gran noite do audiovisual galego.

Con esta programación, a Academia Galega do Audiovisual, xunto ás institucións colaboradoras, aposta por converter Lugo nun espazo central de celebración, difusión e encontro arredor do talento e da creación audiovisual galega nas semanas previas á gran noite dos Premios Mestre Mateo. 

Toda a información e calendario de actividades está dispoñible na páxina web da Academia: www.premiosmestremateo.gal 

A gala dos Premios Mestre Mateo, organizada pola Academia Galega do Audiovisual , conta co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo.