A maxia do Mago Antón no San Froilán 2023.
O espectáculo do Mago Antón estará na Milagrosa (día 5, praza Agro do Rolo), en Fontiñas (día 7, Praza do Camiño Primitivo), no Castiñeiro (día 8, praza do Castiñeiro) e en Augas Férreas (día 12, praza de Augas Férreas), cun total de 4 funcións diarias. 

O Mago Antón realizará no San Froilán 2023 o espectáculo «O romance do Conde de Cagliostro (unha historia do Camiño)», unha historia sobre  un fascinante mago que, utilizando os seus poderes, desapareceu en Roncesvalles perante uns peregrinos, deixando soamente as súas sandalias e o Códice cos seus segredos, e aparecendo por arte de maxia ás portas da catedral, sen peregrinar. 

Descuberto polo Apóstolo, é enviado ao limbo. O Mago Antón, coñecedor desta lenda, decídese a realizar trescentos anos despois o camiño inconcluso de Cagliostro, para liberalo da súa prisión e permitilo entrar na catedral.

A Historia parte de un romance escrito por Darío Xohan Cabana, á maneira dos antigos cantares de cego e baseado no romance de Don Gaiferos, e foi musicalizado por Mini, o cantante e músico que pertenceu aos grupos de folk galego Fuxan os Ventos e A Quenlla.

A edil de Cultura e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitaron o Magomóbil do Mago Antón, que achegará maxia durante as festas a unha selección de prazas da cidade. Foto: Gab. Com. Cultura Concello de Lugo.
Magomóbil

A actividade realizarase no Magomóbil, un vehículo especialmente deseñado para a presentación de espectáculos de maxia de salón. Con trece metros de longo, ten unha capacidade para oitenta espectadores.

Conta con gradas, aire acondicionado, equipo de son, iluminación, canón de luz, grupo electróxeno e outros dispositivos técnicos que fan que sexa totalmente autónomo.

En cada praza terán lugar catro funcións. En cada unha das funcións haberá aforo para 85 espectadores, un total de 340 espectadores por xornada.

O espectáculo componse de diversos xogos guionizados, que xiran en torno á historia de Cagliostro—como a aparición da galiña de Santo Domingo da Calzada, ou a invocación da pantasma de Cagliostro que lle facía cobrar vida á súa capa—, e finaliza cunha gran ilusión de principios do século XX chamada Os Pantasmas de Pepper, integrada na estrutura do Magomóbil.