A XX Mostra de Teatro Clásico de Lugo que promove a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, tivo que adiarse en marzo por mor da covid-19. A reorganización da mostra está feita e este setembro está de volta no auditorio municipal Gustavo Freire:
«Todas Hieren y Una Mata» de Ay Teatro, baixo a dirección de Yago Cáceres e coa interpretación de Alba Banegas, Antonio Hernández, Son López, Carlos Lorenzo e Diego Morales.
O galán don Daniel e o seu criado Pico, perseguidos polo correxedor tras fuxir da casa da rapaza Aurora, atopan no bosque a unha bruxa que os salva cos seus feitizos para viaxar polo tempo. Ao longo das súas viaxes temporais intentarán namorar a Aurora, que garda un secreto: é unha dama lectora cunha biblioteca enterrada no seu xardín. E trabucando o seu camiño máxico, criado e cabaleiro chegarán ao século XXI, onde unha misteriosa profesora lles axudará na súa aventura amorosa.
Esta representación ten unha duración de 90 minutos, sen descansos.
Y los Sueños, Sueños Son, de Calderón de la Barca por Tropos, Teatro de Títeres, coa dirección de Guillermo Gil Villanueva e a interpretación de Paco Úbeda e Guillermo Gil Villanueva.
Clotaldo e Clarín vense sorprendidos polo público mentres botaban unha cabezadiña agardando a hora da función. Rapidamente dispostos e armados dos seus monicreques, estes cómicos e anciáns narradores, irannos contado a historia de Sexismundo, pechado nunha torre porque as estrelas predixeron que sería un rei malvado e cruel. Pero seica é xusto pechar a un home polo que ditan as estrelas? Pola súa lingua, a súa cor, pola súa raza, polo que pode chegar a facer sen ter feito nada? Por iso, o seu pai, o rei Basilio, decide sacalo da torre e poñelo a proba. Poñerao no trono e se é capaz de vencer o seu destino, será rei. Se non é capaz… volverao pechar. Pero… pódese agardar dun home que sexa xusto se nunca ninguén lle ensinou o que era a piedade e o amor? Cumprirase acaso o vaticinio das estrelas?
Dura 50 minutos.
Casa O´Rei, de Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro)
Intérpretes: Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Raquel Espada, Víctor Mosqueira, Santiago Cortegoso e Xosé M. Esperante,
Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. Unha vez que se ausenta o único nexo que mantiña unida a familia, todo se esfarela. Os principios morais volatilízanse. Non se respectan os pratos tradicionais, pero tampouco se respectan as relacións matrimoniais, nin se conteñen os desexos sexuais. Todos os impulsos que estaban latentes desátanse ante a ausencia da autoridade que os contiña. Esta decadencia impregna as personaxes. Todas e todos están frustrados. Todas e todos quererían outra vida.
Dura 95 minutos.
Entre Bobos Anda el Juego – Noviembre Teatro e a Compañía Nacional de Teatro Clásico – versión de Yolanda Pallín da obra de Rojas Zorrilla con Arturo Querejeta, Isabel Rodes, José Ramón Iglesias, Rafael Ortiz, Manuel Pico, José Vicente Ramos, Elena Rayos, Antonio de Cos e Francisco Rojas, dirixidos por Eduardo Vasco
Don Lucas del Cigarral é un cabaleiro podente, ridículo e desmedido que pretende casar con dona Isabel de Peralta, que así e todo quedou prendada de don Pedro, curmán de don Lucas e tan aposto como pobre. Ambos quedaron prendados nun encontro fortuíto que tiveron antes de coñecerse e reencóntranse porque o propio don Pedro é o encargado de realizar os primeiros contactos coa dama antes da voda e isto dá pé a que os namorados cultiven o seu amor de maneira intensa. Mentres tentan burlar a don Lucas, aparecen dous atrancos imprevistos: outro galán, don Luis, que tamén pretende a Isabel e unha dama, dona Alfonsa, irmá de don Lucas, que anda detrás de don Pedro. O enredo está servido e a cargo de Cabellera, Carranza e Andrea, os criados que engraxarán o mecanismo desta obra, que transcorre practicamente nun camiño, con parada, fonda, nocturnidade e aleivosía; o mellor caldo de cultivo ideal para a comedia de enredo.
Ten unha duración de 85 minutos
«Lázaro de Tormes» de Pedras de cartón, baixo a dirección de Pablo Sánchez e Laura Sarasola, e coa interpretación de Xosé Manuel Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez mostrarán un espectáculo baseado no coñecido clásico da literatura, por primeira vez contado case sen palabras.
Un espectáculo para toda a familia narrado en clave de comedia a través dun coidado traballo de máscaras. No espectáculo dáse forma a cada unha das pasaxes máis coñecidas desta universal historia da picaresca española.
Unha maneira de introducir o amor polo teatro clásico ás máis novas e aos máis novos da casa. Unha boa parte da crítica ve o Lazarillo de Tormes como unha das primeiras novelas modernas da literatura española. A súa modernidade reflíctese na evolución das personaxes ao longo do texto e no emprego de escenarios coñecidos polas lectoras e lectores, situados nos arredores de Toledo e Salamanca. O Lazarillo de Tormes amosa tamén unha realidade lonxana da sociedade ideal que nos descubrían os libros de cabalerías, tan de moda a mediados do século XVI.
Ten unha duración de 50 minutos.
«Ricardo III» de William Shakespeare, versión libre de Miguel del Arco e Antonio Riojano interpretada por El Pavón Teatro Kamikaze, Premio Nacional de Teatro 2017, coa dirección de Miguel del Arco e Álvaro Báguena, Chema del Barco, Israel Elejalde, Alejandro Jato, Verónica Ronda, Cristóbal Suárez e Manuela Velasco no escenario.
Que terán as malas e os malos que nos gusta miralos? Que morbo se desata en nós como espectadoras e espectadores do mal? Que é o que fai que xeración tras xeración Ricardo III sexa unha presencia permanente sobre os nosos escenarios? Ricardo III é unha función pragada de envexas, corrupción dunha e outra cor, loitas de poder, cobiza, injustiza, fake news, enganos políticos, intereses partidistas… Ben, o que vén sendo un día normal na vida pública española do século XXI. Miguel del Arco e Antonio Rojano adaptan libremente ao noso tempo este clásico de Shakespeare
120 minutos de duración.
Macbeth. O Ruído e a Furia, de William Shakespeare, por Estudo Momento coa adaptación en verso de Manuel Lourenzo. Baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares e coa interpretación de Xoán Carlos Mejuto, Luís Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo.
Unha viaxe á chaira escocesa, neboenta e insegura. Tambores de guerra. Berros de barro. Versos de sangue, traizón e morte. Feiticeiras, retranqueiras e ministras do fado, manipuladoras dos máis bravos guerreiros. Un tempo eterno e circular do que ninguén volve xamais.
Conta cunha duración de 100 minutos.