Aberta a convocatoria de residencias artísticas «Atopémonos Bailando»
Colectivo Glovo en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Lingua do Concello de Lugo, e o apoio da Agadic – Xunta de Galicia presenta as bases da terceira convocatoria de residencias artísticas e de investigación «ATOPÉMONOS BAILANDO» para profesionais de danza e artes do movemento.
Obxecto da convocatoria
Chámase a profesionais de danza e artes do movemento con sede en España e/o Portugal a presentar os seus proxectos para a realización de 8 residencias artísticas e/o de investigación (exclúense residencias técnicas) para ser realizadas entre os meses de abril a novembro de 2024 (cinco delas en Lugo, Galicia, e tres en réxime de intercambio con estruturas de Portugal e Costa Rica).
O programa de residencias artísticas e de investigación «ATOPÉMONOS BAILANDO» 2024 posibilita tamén o intercambio de tres das residencias seleccionadas a través da presente convocatoria con outros tres programas de residencias internacionais.
Estes intercambios son froito das colaboracións entre as Residencias AB de Lugo con entidades de Portugal e Costa Rica.
Período de solicitude
Do 23 de febreiro ao 10 de marzo de 2024 (ata as 23.59h CET)
Período de realización das residencias
Do 1 de abril ao 30 de novembro de 2024
Duración das residencias
Residencias en Lugo: entre 5 e 10 días (abril – novembro 2024)
Residencia en intercambio con Costa Rica – Taller Nacional de Danza: 15 días (outubro – novembro 2024)
Residencia en intercambio con Portugal – Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins – Chaves: 7 días (abril – novembro 2024)
Residencia en intercambio con Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada: 7 días (27 setembro – 5 outubro 2024)
Tipoloxía das residencias
Residencias de investigación ou creación de profesionais individuais ou equipos que fundamenten o seu traballo artístico ao redor do movemento e o corpo.
Espazos destinados ás residencias
-Museo MIHL de Lugo
-Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins – Chaves – Portugal
-32.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival – Almada – Portugal
-Taller Nacional de Danza de Costa Rica
Compromisos xerais do artista
-Realizar a residencia no período acordado por ambas as partes
-Asina do contrato antes do inicio da residencia
-Realizar unha actividade de mediación: sesión aberta da residencia para a comunidade local e/o comunidade artística do territorio ou realizar un obradoiro (a definir pola solicitante)
-Realizar unha memoria descritiva da residencia (máximo 5 páxinas) e entrega nun prazo máximo de 15 días desde a finalización da residencia
-Autorizar o rexistro en vídeo e foto da residencia
-Incorporar os logotipos de ATOPÉMONOS BAILANDO na documentación que xere o proxecto, así como compartir e etiquetar en redes sociais aos mesmos. As residencias en intercambio engadirán ademais os logotipos das estruturas que os acollen no país anfitrión
-Respectar as instalacións e a contorna
Compromisos do artista (selección Costa Rica)
-Para concorrer á selección do intercambio coa entidade de Costa Rica é imprescindible ter dispoñible un máximo de 2 semanas consecutivas entre os meses de outubro e novembro de 2024, ademais de cumprir coas bases xerais
Compromisos do artista (selección Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada)
-Para concorrer á selección do intercambio coa entidade de Portugal – 32.ª Quinzena de Dança de Almada é imprescindible ter dispoñible do 27 de setembro ao 5 de outubro de 2024, ademais de cumprir coas bases xerais
Para o intercambio con Costa Rica – Taller Nacional de Danza Costa Rica
-Proporcionaranse e xestionarán os billetes de avión a Costa Rica, ademais dos seus traslados, aloxamentos e manutención, durante toda a residencia (2 semanas)
Para os intercambios con Portugal – Teatro Experimental Flaviense – Cinema-Teatro Bento Martins e 32.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival
-Proporcionaranse e xestionarán os traslados a Portugal, ademais dos seus aloxamentos e manutención, durante toda a residencia, así como diferentes encontros con profesionais e programadores do sector
Achega da entidade a través da convocatoria
-Rexistro audiovisual da residencia
-Remuneración: Entre 700€ e 2000€ (IVE incluído) por residencia. Realizarase o pago nun prazo máximo de 30 días contando desde a entrega da memoria e a factura correspondente ao final do período de residencia.
Todos os gastos das residencias correrán a cargo do solicitante, exceptuando as condicións específicas dos intercambios.
Documentación a achegar
1. Dossier descritivo dos obxectivos da residencia, metodoloxía, contidos e links a traballos anteriores (máximo 5 páxinas)
2. Duración da residencia e estrutura do traballo a desenvolver e proposta de actividade de mediación (contidos, público destinatario e duración, máximo 2 páxinas)
3. Currículo do equipo artístico do proxecto (máximo 1 páxina por artista)
4. Datos completos da residencia fiscal do solicitante, relación de DNI dxs participantes na residencia e rol no proxecto
5. Deberá especificar claramente se está intersad@ no intercambio con Costa Rica e con Portugal ou se soamente participa para a súa residencia en Lugo
Toda a documentación achegarase a través do seguinte formulario https://forms.gle/
Poderá ser enviado en galego, castelán, portugués ou inglés.
Valoración e resolución da convocatoria
Nomearase unha comisión de valoración de proxectos formada por profesionais do sector. Se reserva aproximadamente un 50% das residencias para profesionais de Galicia.
Publicarase a resolución a finais de marzo de 2024 na páxina web de www.atopemonosbailando.com e nas súas redes sociais.