A segunda sesión de Microaberto deste curso, unha actividade incluída dentro da programación da Primavera Cultural, será o martes 24 de marzo ás 20.00 horas na cafetaría da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. 

Nesta ocasión, Páramo Pictures será artista convidada.

Para participar no microaberto cunha canción, un monólogo, un poema, un conto etc, tes que seguir as instrucións que aparecen nesta ligazón entre o 2 e o 21 de marzo. Para ter máis información para actuar ou utilizar o micro aberto, escribe a cultura.lugo@usc.gal.

Esta actividade enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio LUGO CULTURAL que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Páramo Pictures

«Páramo Pictures xurdiu de casualidade, unha tarde de maio do 2013.  Daquelas, Daniel, un dos integrantes do grupo (agora retirado), estaba de cantante nunha orquestra e tiña que cantar a canción máis soada do ano Gangnam Style. Ante a imposibilidade de aprendela en coreano decidiu adaptar a letra ao galego, pedíndolle parecer a Iván e María -resto dos integrantes de Páramo Pictures e excompañeiros de orquestra de Daniel- que de seguida se deron conta que era perfecta para facer un vídeo parodia. Iván é profesor de tecnoloxía en secundaria, pero sempre lle gustou moito o mundo da realización audiovisual, así que aí viu a oportunidade de recrearse/divertirse facendo algo que lle encanta. María, cantante retirada, natural de O Páramo, encargábase da produción e viu a oportunidade de botar unhas risas. Non é difícil adiviñar de onde vén o nome de Páramo Pictures. O resto xa o sabedes, un vídeo foi levando a outro e o proxecto, igual que a vida, foi evolucionando cara outros formatos e contidos, hoxe, máis ben, centrado na personaxe de Ramón da Faxarda.»