Auditorio Municipal Gustavo Freire – Programación primeiro semestre 2025
A área de Cultura programa teatro, danza e outras artes escénicas para todas as idades (desde os 6 meses, para público familiar, adulto…)
Entre o 12 de xaneiro e o 18 de maio.

Podes consultar outros espectáculos programados no Gustavo Freire na nosa axenda.

Ao final do artigo, toda a programación en formato jpg.

"Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada"
Maite Ferreiro
Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.

PROGRAMACIÓN Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo:

FEBREIRO
13 de febreiro. 20:30 – “O dragón de ouro” de Sarabela Teatro. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

Sinopse:

Unha noite, nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa:un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña do restaurante de comida rápida Tailandés – Chinés – Vietnamita,O Dragón de ouro. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa a súa irmá desaparecida.

No balcón, sobre o Dragón de Ouro,un ancián quere retroceder no tempo mentres a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación porque o seu mozo non quere fillos.

No piso de abaixo, un home, deixado pola súa muller, visita ao seu amigo,un tendeiro enigmático que obriga a unha moza chinesa á prostitución. Dúas azafatas comen no restaurante. Unha delas topa e garda unha moa que caeu na súa sopa tailandesa. Intercalada entre as escenas, está inserida a Fábula da Cigarra (que non gardaba nada no verán) e pídelle á Formiga que lle dea de comer.

O Dragón de ouro, é unha das obras de Ronald Schimmelpfenning máis representadas en todo o mundo, sendo esta, a primeira vez en galego. A obra debuxa un interesante retrato sobre os inmigrantes ilegais e a súa explotación no mundo occidental.

“O dragón de ouro” de Sarabela Teatro.
16 de febreiro. 18:30. Público familiar – “E entón un xardín” de Paporrubio. Idade recomendada: A partir de 3 anos. 20 de febreiro. 20:30 – “Non pasarán” de Artika Teatro. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

Sinopse:

“E entón, un xardín” é unha peza para público familiar da compañía Paporrubio escrita e dirixida por María Peinado, co actor Luchi Iglesias e coa música en vivo de Carlos Quintá. Unha comedia colorista e vitalista asentada no teatro de marionetas, na plasticidade do teatro de obxectos e na poética da imaxe.

Neste espectáculo o xardín convértese nun lugar de celebración e reivindicación. Os vexetais e animais son os protagonistas dunha historia estrafalaria na que a natureza esperta e reivinica os seus dereitos. Unha comedia disparatada ao servizo da imaxinación para espertar valores como a empatía, a responsabilidade e o respecto: a necesidade dun latir común co mundo natural.

20 de febreiro. 20:30. “Non pasarán” de Artika Teatro. Idade recomendada: A partir dos 14 anos. 

Sinopse:

«NON PASARÁN» é unha poderosa obra de teatro que explora a persistencia das ideoloxías intolerantes ao longo do tempo. Inspirada na obra clásica «Biedermann e os Incendiarios» de Max Frisch, esta produción contemporánea de Ártika Cía. lévanos a través de tres épocas cruciais: os anos 1920, 1980 e 2020, destacando como estas ideoloxías rexurden e adáptanse en diferentes contextos históricos.

21 de febreiro. 20:30. Danza – “Batu” da Compañía NODE + “Triade” da Compañía Colectivo Glovo + “Ypark” da Compañía Zuk Dance. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

Sinopse:

Batu de NODE (Euskadi) é a celebración que comparte o noso legado, o presente e o futuro. Alúmbrase sobre os pilares culturais de Euskal Herria (folklore, danza e música). A mirada enfocada ao futuro para dar un salto e inundarnos coa súa luz. Suma o que fumos, o que somos e o que seremos nun mesmo contexto artístico. 

Conmemora as nosas raíces e celebra o noso porvir cunha viaxe no tempo. Unha viaxe ao través de corpos xeneracionais.  Unha sociedade que deu aos deuses por mortos e permitiu que algunhas mulleres se apoderaran de vellos símbolos. O resultado foi un código independente, positrónico, baseado na risa, a complicidade e a linguaxe propia.

TRÏADE ten como punto de partida esa necesidade de xuntarse, vencellarse e bailar desde o coidado e a escoita nun espazo feminino que procure unha xenealoxía feminina, unha orde simbólica persoal e independente, inspirada pola triada luar e a súa idea do eterno retorno – vida, morte e renacemento – resultando unha peza de corto formato para espazo non convencional con marcado carácter ritualesco e de culto ás ancestras e ás raíces.

YPark explora a desgarradora travesía dunha muller na busca da liberdade. Inspirada na historia de Yeonmi Park, a peza trascende os límites da linguaxe para capturar as emocións de opresión, desesperación e resistencia. 

A través da plasticidade do movemento e o contacto represéntase a loita de quen se enfrenta ao autoritarismo e ao sufrimento humán que isto conleva. A viaxe comeza na escuridade sofocante dun réxime represivo, onde os corpos móvense con restriccións, simbolizando a perda de identidade e a represión do espíritu.

“Non pasarán” de Artika Teatro.
“Dentro del corazón del mundo” de Engruna Teatre. Premio Butaca 2024 Mejor espectáculo Público Familiar. Premio Teatre Barcelona 2024.
23 de febreiro. 18:30. Público familiar – “Dentro del corazón del mundo” de Engruna Teatre. Idade recomendada: A partir dos 10 anos. Premio Butaca 2024 Mejor espectáculo Público Familiar. Premio Teatre Barcelona 2024

Sinopse:

Parte da novela “La mujer que buceó dentro del corazón do mundo”, da autora mexicana Sabina Berman. O espectáculo expón a metáfora da actitude autista que as persoas neurotípicas adoptan cara o medio do que proceden. A través de Karen, unha nena con condición autista, ínstase o individuo a buscar novas formas de conectar coa contorna sen xerarquías.

Karen foi abandonada pola súa nai e viviu en estado salvaxe e en plena conexión coa natureza. A súa escasa relación cos humanos cambia coa chegada da súa tía Isabelle quen, por primeira vez, a trata con amor. A través da súa tía, aprende a falar, escribir e relacionarse co mundo neurotípico ata descubrir a súa xenialidade nalgúns aspectos da vida.

27 de febreiro. 20:30. – “Absurdia” de Dani Blanco Producións Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

Sinopse:

Unha paisaxe desolada: podería ser un vertedoiro, unha fábrica abandonada, unha trincheira, unha vella estación. Ducias de cadeiras en montóns desordeados.

Tres personaxes abafados por completar unha tarefa que non comprenden e que nunca rematan. Falan, calan, discuten, retórcense, pelexan e danse apertas. Pasan da angustia á euforia cada pouco. Non saben por que están alí, nin o que lles espera. Parece que non poden marchar. Benvidos, isto é ABSURDIA.

“Absurdia” de Dani Blanco Producións.
“Sobre o extravío ou a arte de perderse” de Furia Sotelo.
MARZO
7 de marzo. 20:30. Danza – “Sobre o extravío ou a arte de perderse” de Furia Sotelo. Idade Recomendada: A partir dos 14 anos.

Sinopse:

Un só de danza-teatro sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder. Ou de perderse.

Sobre o extravío ou a arte de perderse convídanos a compartir a viaxe  a través do espazo interior e exterior dunha muller. Como espectadores e cómplices do seu modo de construír(se), habitar, perderse e chegar a lugares inesperados.  

Lugares onde o movemento, o texto, o espazo sonoro, o corpo e os obxectos combínanse captando sen esforzo a atención do espectador, mergullándoo nun tempo suspendido e evocador no que algo pode aparecer: unha sorpresa, unha pregunta, unha resposta quizais…

9 de marzo. 18:30. Público familiar. – “Crisálida” de Caramuxo Teatro. Idade recomendada: A partir dos 6 anos. Premio María Casares 2024 ao mellor espectáculo infantil. Espectáculo recomendado por Camiño Escena Norte.

Sinopse:

“Crisálida” é o espectáculo número 25 de Caramuxo teatro, co que cumprimos 20 anos de traxectoria. Unha historia que leva varios anos na nosa cabeza e coa que queremos facer a nosa pequena homenaxe a esas persoas que fan que as cidades teñan vida e sexan ricas en historias.

“Crisálida é un espectáculo que quere poñer en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado. A importancia da existencia de eses espazos que crean comunidade.

“Crisálida” é o espectáculo máis ambicioso da compañía. Unha montaxe de máscaras, sen texto, con catro actores e máis de 12 personaxes. Dirixido pola prestixiosa directora Olga Margallo (Gañadora de multitude de premios Fetén, premios Max, Premio Nacional con Uroc teatro…)

Historias como as da mercería Crisálida amósannos que este tipo de negocios, máis baseados nas relacións humanas que no beneficio económico, deben ser protexidos por ser parte do noso patrimonio.

“Crisálida” de Caramuxo Teatro. Premio María Casares 2024 ao mellor espectáculo infantil. Espectáculo recomendado por Camiño Escena Norte.
“Crisálida” de Caramuxo Teatro.
ABRIL
3 de abril. 20:30 – “Reconversión” de Ibuprofeno teatro. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

Sinopse:

RECONVERSIÓN é un espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo.
Entre o íntimo e o político, o proxecto, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo.

A obra céntrase na peripecia vital do pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante 30 anos. Esta figura sintetiza as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80.

RECONVERSIÓN é unha viaxe desde a posguerra ata o “Felipismo”dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.  

6 de abril. Pases ás 17:00 e 18:30 1ª infancia. – “Tana (A tobeira)” de Compagnia TPO. Idade recomendada: De 1 aos 5 anos.

Sinopse:

Teatro visual, emocional, táctil e inmersivo. Mentres observan a natureza circundante e os animais que a habitan, as dúas protagonistas sumérxense por completo na súa contorna natural: os movementos sinuosos da eiruga, a maxestuosidade do oso cando se move, a lentitude tranquilizadora do caracol que avanza silencioso pero seguro coa súa cuncha. Cada detalle da natureza convírtese nunha inspiración, unha oportunidade para explorar e crear. A búsqueda da “tobeira” convírtese nunha metáfora da busca interior e a exploración persoal. Neste momento de compartir e participar, a distinción entre espectadores e intérpretes disólvese, dando vida a unha experiencia teatral colectiva e envolvente.

Duración: 40 min.

Idade recomendada: De 1 a 5 anos.

10 de abril. 20:30 – “Desterradas” de Producións Teatrais Excéntricas. Idade recomendada: A partir dos 14 anos. AS DESTERRADAS de CARME VARELA (25º Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais).

Sinopse:

No século XVI unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño vese ameazada pola cobiza da hierarquia eclesiástica. Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dúbida en difamalas e ameazadas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais.

Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas suas rotinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.

24 de abril. 20:30 – “Profetas” de Ítaca Teatro. Idade recomendada: A partir dos 14 anos. Premio Abrente de Textos Teatrais 2021.

Sinopse:

Ela e el vólvense atopar despois dalgún tempo. Ao longo da noite, farán repaso da súa relación: dos soños e dos medos que a truncaron, dos éxitos e dos fracasos que compartiron, das cidades na que a imaxinaron.

25 de abril. 18:30 – “OCELO” de Colectivo Espaço Invisíbel. Público familiar Idade recomendada: A dos 8 anos.

Sinopse:

Ocelo é un espectáculo sensorial e multidisciplinar, dirixido ao público familiar, que parte da necesidade de ollar, de forma positiva, para o contexto en que vivimos e polas ganas de crear sobre o belo. Parte tamén das ganas de explotar o belo como un lugar onde a realidade e a nosa imaxinación se encontran; o belo como unha sensación de asombro, de UAU.

1 de maio. 20:30 – “Napoleón o el complejo de épico” de Teatro do Chapitô. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

Sinopse:

Na busca por entender ao home que Napoleón foi e o fenómeno creado arredor da súa figura, atopámonos entre a fascinación e o repudio. Napoleón de Teatro do Chapitô, lánzanos cuestións políticas e sociais que se manteñen actuais e pertinentes. A súa ambición persoal, audacia e determinación levárono lonxe, expandindo territorios, apropiándose dos ideais da Revolución Francesa.

Máis tarde aproxímase aos valores aristocráticos que antes rexeitaba, centraliza en sí mesmo o poder e  autoproclámase Emperador. A súa forza de vontade era única. A súa caída foi proporcional á súa ascensión. Unha vida novelesca, con todos os ingredientes para unha boa historia.

Moito se contou e contará sobre Napoleón Bonaparte, será o público quen deba xulgar ou celebrar a figura histórica e o home que foi.

2 de maio. 20:30. Danza – “Dance Join” de Marta Alonso. Idade recomendada: A partir dos 8 anos.

Sinopse:

Un espectáculo interactivo que combina danza e clown, deseñado para espazos non convencionais, tanto ao aire libre como en interiores.

A obra mestura danza, humor e música, propoñendo unha visión lúdica e autocrítica do mundo escénico, mentres convida ao público a participar no caos controlado que presenta.

Esta proposta dinámica borra os límites entre artistas e espectadores

4 de maio. 18:30 Público familiar. – “A nena e o grilo camiño das cores” de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos. Idade recomendada: A partir dos 5 anos.

Sinopse:

A Nena e o Grilo camiño das cores é unha montaxe teatral de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos xunto á Banda das Apertas en directo. É a última e cuarta entrega de A nena e o grilo, o musical infantil máis aclamado do panorama galego que conta con tres espectáculos previos: O País das Apertas, A Nena e o Grilo nun Barquiño e A Nena e o Grilo máis Aló.

O fío condutor desta cuarta entrega son os camiños, as peregrinacións nas que as camiñantes buscan atoparse consigo mesmas, a vida que avanza e non sabemos a onde nos leva.

A Nena xunto coa Banda das Apertas que a acompaña emprenderá unha viaxe chea de aventuras e sorpresas na que descubrirá que o seu anhelo non é outra cousa que a amizade. Unha nova entrega da saga para público familiar para viaxar ao País das Apertas!

8 de maio. 20:30 – “Manuela Rey Is In Da House” do Centro Dramático Galego, Teatro do Noroeste, Centro Dramático de Viana, Teatro Nacional Dona María II e Teatro Nacional Sao Joao. Idade recomendada: A partir dos 16 anos. Espectáculo en Lingua galega e portuguesa.

Sinopse:

Manuela Rey, “a muller lirio”, é máis que unha liña no libro dos enterros do cemiterio dos Praceres, en Lisboa. É un misterio que comeza en Mondoñedo, nunha casa de aldea, en 1842, e remata no Teatro Nacional Dona María II, en Lisboa. De Mondoñedo a Lisboa. De Galiza a Portugal. 23 anos de vida. 23 anos de teatro. Como reconstruír unha vida onde só temos anacos soltos e contraditorios?

Sabemos que despois de seis anos foi entregada a unha compañía teatral itinerante, que percorreu León, Palencia, Bragança, Valença, Ponte de Lima, Viana do Castelo, Régua, Porto para que o grupo familiar adoptivo chegase a Lisboa e triunfase no Teatro Nacional Dona María II e morrese como unha estrela aos 23 anos.

Manuela Rey é a historia esquecida do teatro galego e portugués. Actriz. Escritora.

Neste espectáculo tentamos recuperar o que quedou da súa memoria. Porque sen memoria non hai Historia.

15 de maio. Pases ás 17:00 e 18:30. Público familiar. “La liebre, la tortuga & la influencer” de Larumbe Danza. Idade recomendada: A partir dos 8 anos.

Sinopse:

“La liebre, la tortuga & la influencer” é un espectáculo inspirado na fábula universal de Esopo, gravada no imaxinario de calqueira persoa, sexa pequena ou grande.

Nesta versión, danza, narración, diálogos, poesía e música fanse un para contar unha fábula dentro de outra fábula, trepidante, que sitúa aos dous míticos animais nunha carreira online, en directo, arbitrada por un influencer que persegue un éxito masivo a toda costa.

16 de maio. 20:30 Danza. “TROMSØ” de Morraoconto. Idade recomendada: A partir dos 14 anos.

Sinopse:

Cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, ás veces, nunca conseguimos facer desaparecer. Un silencio que se aferra ao corazón apagando para sempre parte da súa luz.

Tromsø é unha reflexión en clave de humor dende a perda. Sobre a vida, a morte e todo o que queda entre medias.

É un canto á tristura pero tamén á esperanza. Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando tormentas, fiordos e enormes cardumes de arenque, na procura dun lugar onde tirar pola borda esa pena que se alimenta da alma e deixala afundir, dunha vez por todas, na inmensidade azul. Nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal.

18 de maio. 18:30. Público familiar. “Un pez en el corazón” de Mar Mar teatro. Idade Recomendada: A partir dos 4 anos. Finalista PREMIOS MAX 2024 ao mellor espectáculo para publico infantil, xuvenil ou para público familiar.
Sinopse:
 
Marti non sabe onde viven os medos, vive tranquila nunha fermosa vila con cheiro a salitre. Seu pai é mariñeiro e pasa moito tempo no mar.
 
Un día gris agardando no porto, sorpréndelle unha enorme treboada que fai que caia ao mar. Marti comezará unha viaxe profunda ao longo do fondo mariño e para facelo terá que aprender a lingua dos peixes e dos medos.
 
ENTRADAS

Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e de danza, e 3 nas actividades familiares e de 1ª infancia. 

As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.