Medio cento de profesionais vinculados ao sector das artes escénicas e do ámbito cultural de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi participaron na iniciativa «Habitación Peregrina Pro», celebrada desde o martes 14 no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo.
Camiño Escena Norte continúa a súa andaina en Galicia esta fin de semana con funcións do espectáculo Abre el ojo, da compañía asturiana A66 Producciones, que achegará a clásica comedia de Fernando de Rojas Zorrilla os días 18 e 19 de setembro ás localidades de Mondoñedo e Lugo.
O encontro profesional Habitación Peregrina Pro bota a chave até o ano que vén. O centro cultural O Vello Cárcere de Lugo acolleu, durante tres xornadas, a segunda edición dunha cita sinalada para os axentes escénicos das catro comunidades autónomas que participan no programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte.
Case 60 profesionais, entre artistas, técnicas municipais de cultura, equipos de programación e de distribución, ademais de directoras de teatros, participaron desde o martes 14 nunhas xornadas “enriquecedoras e dinámicas que favorecen e impulsan a conexión profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi”, segundo apunta o coordinador do proxecto, Diego V. Meizoso.
Ao longo destes tres días, Habitación Peregrina Pro acolleu case 160 xuntanzas, nas que tanto as compañías como as creadoras puideron dar a coñecer os seus proxectos a outros axentes culturais a través de diversas presentacións, xuntanzas rápidas e pitchings. Diferentes actividades de dinamización e formación con profesionais de prestixio completaron unha iniciativa que, tal e como apunta Meizoso, “foi moi positiva tanto a nivel cualitativo coma cuantitativo” e senta as bases para establecer “un espazo de encontro e reflexión anual que nos permita afondar, tamén desde a perspectiva profesional, na necesaria conexión cultural dos territorios do norte”, sinala Meizoso.
Ademais do encontro profesional Habitación Peregrina Pro, a provincia de Lugo acolle novas funcións do Itinerario Constelacións, o programa de exhibición aberto ao público que Camiño Escena Norte ofrece nas catro comunidades autónomas implicadas no proxecto.
Esta fin de semana a compañía asturiana A66 Producciones levará o seu espectáculo Abre el ojo, de Francisco de Rojas Zorrilla, ás localidades de Mondoñedo e Lugo. A primeira función desta comedia clásica será o sábado 18 na praza da Catedral de Mondoñedo (en caso de choiva sería no interior do auditorio Pascual Veiga), mentres que o domingo 19 a función terá lugar Auditorio Municipal Gustavo Freire, de Lugo.
Ademais, coa intención de contextualizar e visualizar esta comedia do século áureo, a compañía realizará, na xornada do domingo dúas actividades paralelas dirixidas ao público xeral: un obradoiro de ritmo versal, nomeado A fala dos clásicos; e un encontro co público ao remate da función da tarde, no que tamén participará Anxo Manoel, de Lucelús Teatro.
Axenda Camiño Escena Norte 2021 – 18 e 19 de setembro
18.09.2021 | 20.00 h. Praza da Catedral, Mondoñedo (se chove: Auditorio Pascual Veiga)
A66 Producciones (Asturias). Abre el ojo, de Francisco de Rojas Zorrilla
Entrada libre ata completar capacidade do espazo. Público a partir de 15 anos.
19.09.2021 | 11.30 a 14.00 horas no vestíbulo do Auditorio Gustavo Freire de Lugo
A fala dos clásicos. Obradoiro de ritmo versal en texto e accións. Impartido por Isabel Marcos e César Alonso, de A66 Producciones (Asturias).
19.09.2021 | 18.30 horas. Auditorio Municipal Gustavo Freire, Lugo
A66 Producciones (Asturias). Abre el ojo, de Francisco de Rojas Zorrilla
Entrada libre ata completar capacidade, previa retirada de convites a través do web www.entradaslugo.es (máximo 2 convites por persoa). Ao finalizar a función celebrarase un encontro entre o público asistente e a compañía.