Axitación teatral no Clavi con Microefectos Dramatúrxicos. Xoves 1, venres 2 e sabado 3 de setembro.
Un dos principais axitadores culturais da cidade, o grupo teatral Microefectos Dramatúrxicos, regresan ao Club Clavicémbalo con catro pezas novas este xoves, venres e sábado en pases de 20:30 e 22:30.
Poderanse mercar entradas a través da plataforma dixital Woutick no seguinte enlace:
https://www.woutick.es/evento/12148/entradas-microefectos-dramaturxicos
Tamén haberá entradas dispoñíbeis na billeteira.
O grupo, que cumpriu nove anos durante este mes de maio, pon en escena pezas teatrais duns 15 minutos de duración nas que contan historias da vida para rir ou chorar, cunha escrita directa e actual, que cada tres meses practicamente completa o aforo do Clavi.
Desde este medio recomendamos especialmente a asistencia a esta cita cultural (e terapéutica, nada como o teatro nunha sala, nada como sentir que se está dentro de cada peza, nada como ser «tocados» polas interpretacións microefectianas)
PEZAS
«O silencio ou o doce sabor do moscatel», escrita e dirixida por Raquel López Cendán e interpretada por Conchi Madrina, Brais García e a propia Raquel. En ocasións a inmensa mediocridade moral do entorno pode invitar a un recollemento radical e a liberación só será posible a través de decisións absolutamente inesperadas.
«A lume lento», escrita e dirixa por Anxo Manoel e interpretada por María Grandío, Brais García e o propio Anxo. O que arde… arde porque arde pero… por que arde? Vaia vostede a saber, moitas cousas, moitos posibles culpables, moitas visións pero… arder segue a arder todo e non pasa nada cando debería arder, cando menos, Troia.
«Nalgas de acero», escrita e dirixida por Pepe Saavedra e interpretada por Anxo Manoel, Conchi Madrina, María Grandío e Brian Rodríguez.
«Quinqui Love», escrita e dirixida por Brian Rodríguez e interpretada por Elvira Velasco, Anxo Manoel, Brais García e o propio Brian. Nun pasado próximo, estrañamente parecido aos anos oitenta, un macarra de instituto descobre como os seus valores entran en colisión cun sentimento pouco coñecido por el, o amor.
Pepe Saavedra facebook – fotógrafo, escritor, guionista –