«Boa sorte, mala fama» é a nova traxicomedia da compañía lucense Tarabela Creativa
4 de febreiro de 2024 – 18.30 horas – Auditorio Municipal Gustavo Freire. Para público adulto. Entradas: EntradasLugo
«Boa sorte, mala fama» é dunha traxicomedia en tres actos: Acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos e acto terceiro, os retratos. Nos que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas se contará a historia máis “incómoda” da nosa emigración. Empregando para isto tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se ubique naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará na metáfora do espello e do reflexo como leit motiv.) Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.
Sinopse:
Sempre se soubo, claro está, que as anduriñas son aves de bo agoiro, que alí onde aniñan traen fortuna, que anuncian a primavera e que os mariñeiros as tatuaban na pel por cada travesía da que lograban retornar. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente co seu canto agudo e de que enchen todo de excrementos. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as anduriñas, gañamos mala fama, aló onde fomos buscar a nosa boa sorte. Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquelo do que pouco se fala.
Ficha técnica
Título: Boa sorte, mala fama.
Idea e creación: Tarabela Creativa.
Xénero:traxicomedia.
Idioma: galego.
Duración: 120 min. aprox.
Público: Adulto (+16).
Dirección: Carmen Conde.
Dramaturxia: Carmen Conde.
Narración oral: Carmen Conde.
Elenco: Mariña Pena.
Música ao vivo: Nastasia Zürcher.
Iluminación: Diego Gallego.
Son: Ezequiel Orol.
Produción: Diego Gallego.
Produción executiva: Diego Gallego e Carmen Conde.
Escenografía: Bieito Inc.
Fotografía: Sabela Eiriz.
Asesoría máxica: Mago Rafa.
Coreografía: Lola Saltatore.
Deseño de identidade: Hei Castro Studio.
Vestiario: Los alfileres de Elia.
Distribución: Tarabela Creativa.
Colaboran: Deputación de Lugo. Deputación da Coruña. Concello de Lugo. Concello de Sarria.
Tarabela Creativa
Tarabela Creativa é unha compañía asentada en Lugo e fundada por Diego Gallego e por Carmen Conde que reúne sendas traxectorias profesionais en distintos ámbitos: Diego, procedente do mundo da produción e da xestión comercial; Carmen, guionista, narradora e dramaturga. Perseguen dúas vocacións: a primeira, contar historias a través das artes escénicas e do audiovisual… A segunda, un fundamental labor de plantar a semente dos futuros contadores e contadoras en diverso formato a través da formación.