Chegan a Lugo os Comandos Comadres contra a violencia patriarcal este xoves 18/11 ás 20:30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire da man de Matrioshka Teatro.
A través do humor un grupo de Artivistas organizadas por Comandos ataca as múltiples manifestacións da violencia sexista e cuestiona a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual.
A peza está composta por cinco comandos de temáticas diferentes cunha duración de entre 10 e 15 minutos cada un:
COMANDO MEIGAS: céntrase na demonización das mulleres que non encaixamos no modelo patriarcal.
COMANDO SIÑAS: fálanos da invisibilización das mulleres de certa idade que xa non cumprimos as expectativas reprodutivas do patriarcado.
COMANDO SACHO: afiánzase na sabedoría e na fortaleza das mulleres lonxe dos estereotipos de seres débiles ou vítimas.
COMANDO RETRANCA: expón con humor as falacias que durante séculos se teñen dito das mulleres.
COMANDO CATAPLASMA: reivindica o saber ancestral das mulleres en conexión coa terra e os ecosistemas saudables, o coñecemento e uso das plantas e os procesos de acompañamento e coidados.
Son Comandos activos de estratexias impredecibles e irreverentes que van creando unha rede de Comandos Comadres a nivel mundial centrada na importancia da igualdade de dereitos e deberes sociais entre ambos os xéneros tanto no ámbito público coma no privado, dos coidados dos ecosistemas sans e equilibrados, así coma dos afectos cos que crear lazos de sororidade e empatía.
Espectáculo en clave de humor para público adolescente e adulto. Entradas en: entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.
Promovido por Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo