A área de Cultura retoma a programación de animación á lectura e contacontos – Maite Ferreiro: “as novas actividades desenvolveranse no MIHL para garantir o cumprimento dos protocolos sanitarios”

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. “Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero”, explicou Maite Ferreiro.

“Nesta edición decidimos mudar o lugar de celebración das actividades ao MIHL para garantir o cumprimento da distancia de seguridade e os protocolos das autoridades sanitarias”, explicou a edil de Cultura, que engadiu “para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es”. 

As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de seis actividades, que comezarán o mércores 30 de setembro e estenderanse até o xoves 26 de novembro. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

Actividades

Mércores, 30 de setembro ás 18:30.

CAXOTO, “Coas mans na masa: contos de igualdade”.

A partir de 4 anos, 60 minutos de duración.

Ao gran chef Caxoto sempre lle dixeron que cociñar era cousa de mulleres e, desta volta, quere propoñernos un menú elaborado por ingredientes de igualdade co que desmontar os estereotipos de xénero.

Mércores, 14 de outubro ás 18:30.

VERO RILO, “E a ti… que che contaban?”.

A partir de 3 anos, 40 minutos de duración.

Selección de contos recollida xunto con xogos cotiáns que xa non o son tanto, coa que nos achegaremos á memoria tradicional e familiar compartida.

Mércores 21 de outubro ás 18:30.

SARABELA TEATRO, “Noa no espello”.

A partir de 4 anos, 45 minutos de duración.

Noa está enfadada cos seus amigos e amigas, pois non lle gustan algunhas das súas afeccións favoritas. O seu avó vai convidala a mirarse nun espello para descubrir o que se agocha tras a súa imaxe.

Xoves, 29 de outubro ás 18:30.

PAVÍS PAVÓS, “Historias da marquesa”.

A partir de 4 anos, 50 minutos de duración.

Historia da señora marquesa, unha viaxeira infatigable que cando se xubilou nos deixou un agasallo fantástico: a súa maleta, unha maleta encantada cargada de bruxas, trasnos, apócemas máxicas…


Xoves, 12 de novembro ás 18:30.

OS CONTOS DE PABLÍSIMO, “Príncipas e princesos”.

A partir de 4 anos, 50 minutos de duración.

Faise saber que se buscan príncipes rosas e princesas azuis! Faise saber que ides escoitar contos de valentas princesas enfrontándose a dragóns ou de príncipes que lavan a roupa! Son contos de príncipas e princesos: unha divertida reflexión sobre a igualdade.

Xoves, 26 de novembro ás 18:30.

TRÉCOLA TEATRO, “Sen medo”.

A partir de 4 anos, 35 minutos de duración.

Dúas coidadoras dun parque natural contan a historia dos pingüíns Roi e Silo, que queren ser pais, e das tartarugas namoradas Clementina e Artur. Tamén falarán de mulleres que loitaron polos seus soños e puxeron un valioso gran de area na historia do feminismo.