Abre o prazo para solicitar a participación na mostra de artesanía «Artesanfroilán»

O Boletín Oficial da Provincia publicou este venres as bases que rexen as adxudicacións dos postos da mostra de  artesanía Arte San Froilán, que se celebrará entre os días 2 e 12 de outubro. Trátase de 24 postos de 3×2 metros con cadro eléctrico, iluminación e enchufes para uso das firmas artesás seleccionadas.

A participación na mostra non terá custo para as artesás xa que, este ano, co obxectivo de paliar as consecuencias económicas que a crise da Covid 19 tivo no sector, non se establecen taxas para a instalación na
Praza Anxo Fernández Gómez.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “coa organización da mostra mantemos o compromiso que temos cos artesáns da provincia, ofrecéndolles a posibilidade de comercializar os seus
produtos nun ano en que viron reducidos drasticamente os seus ingresos. Como non podía ser doutra maneira, adoptaranse as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para que a mostra sexa segura tanto para ás
artesás como ás persoas que se acheguen aos postos”.

Ademais, o deputado destacou que “queremos acompañar as actividades culturais organizadas desde o Concello de Lugo na semana do San Froilán, mantendo unha cita consolidada que, con responsabilidade por parte de todos, será segura”, insistiu.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o mércores 23, incluído, tal e como indican as bases. A selección de artesáns terá en conta a calidade do produto, a innovación técnica ou o deseño verde, entre
outros criterios.

Abre o prazo para solicitar a participación no "Artesanfroilán"