Continente María fai un percorrido polo legado escénico e vital de María Casares.

De protagonista, a lucense Melania Cruz, recentemente galardoada co Premio Cultura Galega das Artes Escénicas.

Este xoves, 20 de outubro, Continente María representarase nun único pase no Auditorio Gustavo Freire dentro da programación do segundo trimestre promovida pola área de Cultura do Concello de Lugo.

 O espectáculo dirixido por Tito Asorey só terá un pase na cidade lucense, que comezará ás 20.30 horas. “María Casares volve a Galicia a través de min, das miñas veas, do meu corpo, das miñas emocións; é un xeito de conectar con ela”, explica a protagonista, a lucense Melania Cruz, recentemente galardoada co Premio Cultura Galega das Artes Escénicas.

En Continenete María, a actriz realiza a complicadísima tarefa de interpretar á gran María Casares, de traela ao presente, á vez que establece un diálogo con ela. Esta actuación é dunha gran complexidade, pois ao longo de hora e media e sen descansos fai súa a pel de Casares, así como diferentes acentos e emocións.

Sobre o escenario, Melania só conta co apoio de Vadim Yukhnevich, quen se volve un personaxe máis a través da súa música. O multi-instrumentista bielorruso chegou a Lugo tras tocar polas rúas de media Europa, sendo en Galicia onde se asentou e continuou a adicarse á música. “Este ‘continente’ permíteme viaxar, cara os meus adentros tamén e reflexionar o meu presente, o meu exilio, no que estou encantado”, explica Vadim, a quen lle toca de preto e moito o conflito na Ucraína.

A obra teatral lembra e reivindica a vida e obra de María Casares, a inmensa figura do teatro que marchou da súa Galicia natal ao exilio francés tras a Guerra Civil con seu pai, o presidente do Goberno da II República Casares Quiroga. En Francia comezaría a súa carreira como actriz, chegando a ser unha das intérpretes máis prestixiosas do seu momento, ademais dun símbolo do republicanismo que nunca chegou a ter no seu país de orixe o recoñecemento acadado no estranxeiro.

ENTRADAS 

A través do portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.