A danza e o teatro encherán de vida cultural a primavera de Lugo da man do XVIII Encontro de Danza e do XXVI Festival de Teatro Universitario, dous dos certames artísticos máis senlleiros organizados ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe apoio económico da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial, que nesta nova edición terán como escenarios O Vello Cárcere e o auditorio municipal Gustavo Freire, respectivamente, do 27 ao 31 de marzo.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, adiantou este martes a programación destes dous eventos culturais no marco dun acto no que tamén participaron a vicepresidenta da Deputación Provincial e concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Antía Ferreiro; director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, e o coordinador da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo, Sergio Zearreta, e que serviu para poñer en valor a forte aposta universitaria a prol da cultura e da arte, así como a calidade das producións feitas en Lugo.

O XVIII Encontro de Danza levantará o pano o 27 de marzo en O Vello Cárcere, cuxo patio central será durante dous días o escenario no que cinco compañías de danza presentarán outras tantas producións propias. Ás catro compañías nacidas ao abeiro do Espazo de Danza da USC, (DanzaUSCompostela, DanzaUSC-Lugo, Cía. ‘Sen Vergoña’ e a formación independente da USC Compañía Schattenidentitäten, dirixidas por Juan Carlos Zahera) únese nesta edición a Aula de Danza da Universidade da Coruña.

Foto de Loopez. Presentación do Festival de Teatro e Encontro de Danza de Lugo

A nova compañía independente Schattenidentitäten, abrirá o programa de representacións do 18º Encontro Universitario de Danza da USC o venres 27 de marzo, a partir das 20.30 horas, no patio central do Vello Cárcere, coa coreografía ‘Néboa’ , interpretada e coreografiada por Xina Menrad, Loaira Lázare, Lucía González e José Vera. Esta produción nace ao abrigo do programa anual da Área de Cultura de axudas á creación e proxectos das distintas agrupacións independentes de Danza e Teatro, que convoca a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos.

Logo da intervención desta formación artística presentarase ao público lucense a Compañía da Aula de danza Normal, da Universidade de Coruña (UDC), coa obra ‘2084, imaxinarnos capaces’, con coreografía do Colectivo RPM. Completa o programa da primeira xornada a Compañía DanzaUSC-Lugo coa obra ‘On’,  con coreografía de Rosa Acuña.

No segundo día de programación, a Compañía ‘Sen Vergoña’ do Campus de Lugo da USC presentará unha nova produción e porá en escena a coreografía ‘Espertar’, de Rosa Acuña. De seguido, a Compañía Danza USCompostela presentará ‘O equinoccio de Piazzola’, coreografiada por Xiana Vilas. E’, para rematar a xornada, a Compañía DanzaUSC-Lugo fará un novo pase da súa produción ‘On’. 

A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións ata completar a capacidade do local.

O XXVI Festival de Teatro Universitario botará a andar en Lugo o 27 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Internacional de Teatro, unha efeméride que se conmemorará, a partir das 20.00 horas, na Praza Maior, cunha intervención na rúa de teatreiros e teatreiras. Este acto, no que participarán actores e actrices de Achádego, Pinchacarneiro, Sinovas Teatro, Grupo de Teatro Hospital Lugo (HULA) Escola Palimoco Teatro Danza, Palimoquiños, Aula Teatro USC Lugo, Vaites Vaites Teatro, Teatro Círculo das Artes, Compañía Pinchacarneiro, Compañía Down Lugo, Curuxan, Nova Escena, rematará coa lectura dun manifesto galego a prol do teatro.

O programa de representacións do XXVI Festival de Teatro Universitario arranca tamén o 27 de marzo, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, cun pase para alumnado de institutos da obra Ubú Rei, de Alfred Jarry, a cargo da compañía de teatro USC-Lugo. A formación dirixida por Sergio Zearreta repetirá de novo o 28 de marzo, ás 20.30 horas, no Gustavo Freire, esta mesma obra nunha sesión xa aberta ao público en xeral.

A compañía da Universidade de León Teatro el Mayal, presentará o 29 de marzo, ás 19.30 horas, no auditorio lugués ‘212 Medea’, unha actuación na que a formación dirixida por Javier Rodríguez fai unha reinterpretación do clásico mítico de Medea. A Aula de Teatro Universitario de Ourense Maricastaña visitará ao día seguinte o festival lugués con ‘Imperator’, dirixida por Fernando Acosta. A compañía de teatro USCompostela pechará o martes 31 o elenco de intervencións do XXVI Festival de Teatro Universitario con ‘En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic’, unha peza escrita e dirixida por Roberto Salgueiro.

Alén das funcións incluídas no programa, o XXVI Festival de Teatro Universitario de Lugo inclúe un ano máis como actividade complementaria a iniciativa Mosaico, que se antolla como unha xanela aberta para que o alumnado lugués de Arte Dramático ou as persoas formadas na Aula de Teatro da USC presentan o 29 de marzo, ás 18.00 horas, no vestíbulo do ‘Gustavo Freire’ os seus microproxectos artísticos. As persoas interesadas en dar a coñecer as súas creacións no marco deste festival poden remitir as súas propostas ata o 20 de marzo ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es .