Entrevista – 7 anos do microteatro de Microefectos Dramatúrxicos
Isa Herrero, Anxo Manoel Lamelo, Brian Rodríguez Cortiñas e Conchi Madrina contestan as mesmas cuestións sobre os 7 anos de Microefectos…cada un ao seu xeito, claro 😉
Entrevista - 7 anos do microteatro de Microefectos Dramatúrxicos

Abril 2020. Confinamento. Experimento. Abuso de confianza. «Xa que teñen tempo», pensamos. Nos Microefectos Dramatúrxicos. Concretamos. 10 preguntas, enviamos…pero o fixemos a cada un dos Microefectos que mais tratamos (polo da confianza) independentemente.  Cómo respondería cada un á mesma pregunta? 

As preguntas: 

– 7 anos, 47 funcións, 200 obras, 2 obras de longa duración, 1 libro …para cando a película?
– o teu mellor recordo ou o primeiro «bonito» que te veña á cabeza ante este pregunta tan miserable, tópicopatética (escoller 1 entre 7 anos de momentos xeniais)
– unha peza doutro compañeirocompañeira que dixeses para ti «caralluda, oxalá a escribira eu»
– unha peza túa da que te sintas especialmente orgulloso/a
– o momento máis tolo antes de comezar unha función
– o momento máis tolo durante unha función
– o momento máis tolo despois dunha función sold out! sold out!
– cómo levas a presión do éxito
– algunha vez recoñeceronte pola rúa só por ser un dos de Microefectos?
– algunha pregunta para algún dos teus compañeiros/as?

Un par de meses despois (as entrevistas en profundidade é o que teñen…hardwork), as respostas: 

– 7 anos, 47 funcións, 200 obras, 2 obras de longa duración, 1 libro …para cando a película?

ISA HERRERO: En canto teñamos un director que se atreva, jajajajaja!!!

ANXO LAMELO: Estamos aí, aí, so nos falatan por pechar uns flecos, en cato teñamos , produtor, director, operadores de cámara, atrezzistas, 3000mil figurantes, equipo de produción, maquilladores, perruqueiros, unha boa constrictor, un gorila albino e 4 réplicas de OVNI (que viñémonos arriba co guión), estaremos listos para comezar…

CONCHI MADRINA: A película aínda non vai mañá. No teatro o “feedback” é inmediato e cada función é única e diferente a calquera outra. Unha peza en teatro está viva, pero en cine todo se fai lento a base de repeticións , distintos planos , desorde na gravación do guión …. moi lento …. moito tempo de espera. Da un chisco de pereza meterse a fondo nun proxecto así. Ou ao mellor é que non apareceu o guión axeitado …

BRIAN RODRÍGUEZ: Algo así nunca pasou polas nosas cabezas. Se aparecese unha idea, un proxecto, algo que a impulsase podería ser pero… que va, é moi díficil que suceda, estamos ben así. A prioridade é chegar ata as trescentas micropezas, temos que morrer no escenario do Clavi. Pode que a pregunta de para cando a película fose retórica e non tivera que responder. Está ben así?

– o teu mellor recordo ou o primeiro «bonito» que te veña á cabeza ante este pregunta tan miserable, tópicopatética (escoller 1 entre 7 anos de momentos xeniais)

ISA: O silencio no pequeno monólogo final de, O puño psicopatón. Ese momento no que o público é un e se mantén nun silencio atento, cargado de identificación, de emoción, de empatía. Ese silencio é tan vívido que se respira, literalmente desde o escenario. Cando vivín ese feedback por primeira vez foi alucinante. Os mellores momentos, para min, veñen sempre da man dese feedback, que ás veces é tan intenso que parece que poderías recollelo do aire, como quen colle unha froita da árbore. E cando ese momento te pilla abaixo, en butacas, rodeado de xente que te mira e da que so te separan uns centímetros… buff!!

ANXO: A parte de flipar todas e todos o primeiro día e dicir; “Hostias! Hai xente!”…coido que dos máis chulos foi o remate da primeira peza longa que fixemos, nun cultura aberta da depu abarrotado, ese aplauso e ese subidón que levamos todas, foi moito…

CONCHI: Momentos especiais podería escoller un cento entre os que atesouro na miña memoria e no meu corazón e que non os cambiaría por nada . Lembro unha peza na que todo o público no Clavi cantou a coro aquela canción de misa “ Alabarei, alabarei”. Para min foi o momento no que fun consciente do que é ter o público xogando a favor de obra. Esa sensación sempre foi a máis e debo dicir que é marabilloso saber que saes co apoio dos que te miran. Temos a grandísima sorte de ter o mellor público.

BRIAN: Prácticamente debutei como actor en Microefectos, nas dúas primeiras sesións (maio/ xuño de 2013) saín ao escenario da sala Velvet en estado de pánico total. Con tan pouca bagaxe sentíame moi vulnerable. No entanto algo mudou en xullo de 2013. Interpretaba a Serafín Zubiri nunha farsa moi tola que escribira Anxo, Asesorando, e debeu ser que me sentín protexido do temible público polas gafas de sol que, por primeira vez, sentín que me liberaba das miñas ataduras e, por fin, esa adrelanina escénica que percorre ao actor rebelouse ante min coma algo marabilloso.

Foto de Pepe Saavedra
– unha peza doutro compañeirocompañeira que dixeses para ti «caralluda, oxalá a escribira eu»

ISA:  Está é moi difícil. Son moitos anos, moitos compañeiros, cada un ten un estilo e en cada peza un motivo, e todos nalgún momento tiveron non unha, senón varias pezas que me namoraron. Para responder, teño que facer unha recopilación mental das pezas e, son moitísimas… incluso entre as primeiras, alá na Velvet, de compañeiros que neste momento xa non participan, Envasadas ao baleiro, Branca aos 50, Emoticonos, Delirios de grandeza, Frida, ITV, Triunvirato, La conferencia, Debate electoral a la luz del pentotal, Cago en Bill Gates, A vida das cousas, Youtuber, Nº 35, Cero derivada. Imposible escoller unha.

ANXO: Envexa e orgullo constante sinto polos meus compañeiros/compañeiras así que podería dicir: ITV de María, Teseracto de Pepe, Color Salmón de Isa, El candidapto de Brian, Balas y Murallas de Elvira, Justicia Desbocada de Germán, Bolas Máxicas de Conchi, Non todos somos así de Brais e Youtuber de Raquel…Casualmente actuei en todas pero casualmante xa che digo, moi casual todo, casualísimo…

CONCHI: A ver … eu non son envidiosa … nunca o fun … pero debo recoñecer que algunha vez me cadrou de gustarme moito unha personaxe… . Vaaale, siii, siiiiiii, si, si, teño unha envidia que me corroe … eu querería facer todas e cada unha das personaxes creadas pol@s compañeir@s , todas, todas, todiñas. Gustaríame poder facer as personaxes que me tocan e as que non, as que son apropiadas para min e as que non, as femininas , as masculinas, as simpáticas, as aborrecibles, as adolescentes, as avoas. Dáme medo porque non estou libre de , calquera día, esconderme tras do pano e cando vaia saír un d@s compañeir@s, darlles un empurrón e saír eu. E non é por destacar, é porque hai personaxes tan maravillosas que dáme magoa non aproveitalas … Pero envidia non, ningunha ….

BRIAN:  Xuraría que en Microefectos non existe a enfermidade grupal da ultracompetividade que se pode ver en filmes como Fama. Cando unha peza dun compañeiro acada a excelencia ou funciona incriblemente ben co público o que un sinte é orgullo, a peza é creación do compañeiro pero o traballo resultante ten moito de colectivo, aínda que soamente teñas un pequeno papel, aínda que estés a poñer luces ou unicamente mirando dende a barra cos brazos cruzados todos somos partícipes dun mesmo traballo e das ledicias e padecementos que poidan xurdir. Por outra banda, cada obra é unha creación persoal do seu autor, froito das súas reflexións, das súas influencias, do seu sentir, do seu esforzo e do seu proceso de investigación. Cada peza soamente pode ser do seu autor. Unha peza de Anxo soamente pode ser de Anxo, ese é o encanto, a estilo persoal que cada un volca nas súas propias pezas.

– unha peza túa da que te sintas especialmente orgulloso/a

ISA: Color Salmón, escribina para recordar a un amigo, un grande. Foi moi difícil sacala adiante, pero se el a vise, seguro que a disfrutaría.

ANXO: Das vellas “Xa é O.R.A” porque concetrei moita cousa aí dun xeito velado…Das máis recentes “FIV” Feita a catro mans con Isa e exorcitando moitos demos dun xeito moi divertido.

CONCHI: Eu teño que bregar co talento que me tocou cando se repartiu. Entón o meu xeito de enfrontar as miñas pezas ten dúas vertentes. Primeiro coma un camiño de aprendizaxe. Segundo coma unha oportunidade para poñer o prisma nun punto, nun tema ou nunha sensación que , nese momento preciso ou na miña vida en xeral, atrapa o meu interese. Creo que teño unha sorte moi grande porque o meu ego e o meu talento son dun tamaño similar , entón case nunca me decepciono de todo e case nunca me “rechiflo”. Ando o camiño , atenta para non perder o que atope para aprender.

BRIAN: Logo de sete anos tiven a sorte de sacar adiante vinteunha pezas. Son bastante autoesixente co meu traballo porque considero que hai unha responsabilidade creativa importante cando a xente paga ir a ver un espectáculo no que haberá unha peza túa. Ollo, acabo de citar autoesixencia pero por respeto aos meus compañeiros teño que recoñecer que a autoesixencia vai ao carallo porque son moi poucas as pezas que entreguei en tempo, os prazos… moitas veces mal. Voltando á pregunta non son capaz de citar unha peza por riba das demais, ao mellor podería citar cinco pezas que, unha vez rematadas, dixen joder, se fose un espectador penso que quedaría satisfeito de ver en escena este texto. Esta afirmación que acabo de facer, un pouco sobrada, débese a que padezo algo meu extendido no mundo da creación, o ego. Teño que dicir na miña defensa que son consciente de que existe e de que hai mantelo a raia cun proceso esencial que é a autocrítica, cousa que fago porque non hai peza miña que non precisase un proceso de reescritura, un recorte de texto, un perfeccionamento do final, etc. Mirando atrás penso que cada autor, peza a peza, crea un universo dramático que so é posible grazas á labor dos compañeiros que poñen o seu talento á túa disposición e ao público que desexa consumilo. Os textos quedarían mortos e solitarios no papel de non ser porque, cando se pon ese guión enriba dun escenario, todos pasamos a ser partícipes dese proceso a priori tan individual.

Microefectos Dramatúrxicos
– o momento máis tolo antes de comezar unha función

ISA: É algo escatolóxico e ten que ver cos inevitables nervios. Sobre todo cando estás atrás e non sabes si hai público, se a sala está baleira, se está todo e todo no seu sitio ou se alguén movería algo, se a parte técnica funcionará, todo son incógnitas, pero hai algo común, as ganas de orinar aparecen sempre en grupo e sempre cando xa non podes saír, cos conseguintes saltiños, comentarios e  diversos apretamentos e forzas musculares…

ANXO: Os días nos que estamos 6 persoas nun camerino de 1x2m fumando, intentando vestirnos, buscando as cousas que tivemos horas para buscar, ríndonos, apurando un grolo do que sexa…O camarote dos irmáns Marx é un chalet das casas baratas o lado diso…

CONCHI: O ensaio xeral que , o noventa e nove por cento das veces, é un despropósito, unha cousa tola , sen xeito ningún. Case sempre marchamos para a casa pensando “ aaaiiii, ai, ai”

BRIAN: Cando, debido ao nerviosismo ante a perspectiva da estrea, teño que ir ao servicio do Clavi unha hora antes de que suban o enreixado e o único que desexo é que haxa alboroto para que non me escoiten…PARENTAL ADVISORY – EXPLICIT CONTENT

– o momento máis tolo durante unha función

ISA: Cando cunha macheta un actor, digamos X, cortou a unha actriz, digamos Y. Nada perigoso, en serio, pero foi divertido por que había apostas sobre si sucedería ou non. Apostamos bastante a qué sucederá ou non durante as funcións, tirará o líquido do vaso, aguantará a risa cando diga aquela frase, etc. Son reflexos do que sucedeu nos ensaios, como as tomas falsas, que ás veces se repiten de xeito case automático no escenario, pero non debería. É divertido.

ANXO: Bebendo chupitos de Whisky como senón existirá un mañá nunha peza de Brian, sentándome e caéndome riba do público, supostamente borracho, noutra peza de Brian, sendo a raiña dun cabaret bailando en roupa interior femenina en outra peza de Brian…sempre saca o mellor de min o cabronazo…hahahah!…Tamén pelexando como Songoku contra Vexeta fora outra boa bizarrada, ou a torso espido cunha cabeza de cabalo posta declarando nun xuizo…a min tolerías mándaronme a autoimpúxenme centos, moito me rin eu nese escenario…motivos non me faltan

CONCHI: Indubidablemente no “ The fake remake” de Mafalda. Foi un ataque de risa grandísimo . Sufrín moito no momento porque me custou moito recomponerme para continuar. Tiven que tirar das tablas todas que tiña e das que non tiña. As persoas do público que estaban presentes seguro que se lembran porque non puiden escondelo, foi compartido, creo que, afortunadamente , non por min, senón pola miña personaxe.

BRIAN: Non sei se te refires a tolo en plan catarse ou a tolo en plan sufrimento. En plan catarse encántame cando esquecemos algo en escena e, se son consciente de en que parte do texto estamos, non queda máis remedio que comezar a improvisar para retomar o fío, ese momento GPS de redireccionando diante de oitenta persoas. Outras veces hai que improvisar sen tanto control e xa non é tan divertido. En plan sufrimento total o máis tolo que pode pasar é cometer un erro técnico. Cando metes a pata coa música ou as luces o erro pode ser moi visible e enriba do escenario os teus compañeiros, por dentro, van a estar a baixar santos do ceo. Lembro que na sesión de decembro toquei algo na máquina de luces e a escasos minutos do comezo da sesión non había iluminación no escenario o cal, de non solventarse, condicionaría a dramaturxia enteira de toda a sesión. Sentín o peso terrible da responsabilidade e as bágoas case asomaban nos meus ollos, fuchicando (do verbo fuchicar, que foi o que fixen) resolvino en tempo. O público mentras parolaba non fora consciente do drama que acontecera a escasos metros.

– o momento máis tolo despois dunha función sold out! sold out!

ISA: Pois son máis tolos os comezos, e  os durantes, sen dúbida. Despois de actuar xoves, o normal é retirarse para ter a cabeza semidespexada e laborar ao día seguinte. Os venres imos cear xuntos, para comentar, rir ou lamentar sucesos, sempre hai de todo. É do mellorciño ese momento cea, no que por fin sentas relaxadamente e ves as miradiñas de guasa dos compañeiros. Nos durante, non da tempo a fixarse. Ás veces, poucas veces, saímos bailar. Na vida real somos moi formaliños, eu polo menos, non vou falar dos compañeiros que hai de todo… Non, en serio na vida real somos xente formaliña, currantes e disfrutantes si, pero pouco excesivos. O desfase maior eu penso que sucede no escenario. Ese é o espazo natural para ser, desexar e facer o que che pida un personaxe que aceptas e desfrutas con tódalas consecuencias. 

ANXO: Aquel día do Cultura Aberta ata que recollimos e saimos de detrás do escenario foi moi tolo e fermoso todo, pero algunha cea de venres foisenos das mans e entramos en modo voda con barra libre.

CONCHI: Na última función mesmamente, bailando a altas horas no mesmo Clavi.

BRIAN: Non hai nada máis tolo despois dunha función que a propia función que xa foi. Logo da actuación soamente restan o alivio e a felicidade.

microefectos-dramaturxicos-0019
Actuación no Vello Cárcere
– cómo levas a presión do éxito

ISA: jajajaja!!! Aquí non hai éxito. Hai un desfrute enorme do que facemos, hai moito afecto por que son moitos anos e moitas cousas compartidas, hai unha sala, o Clavi, que nos acolle incansablemente e hai unhas persoas incribles detrás da barra e diante, Alberto, Rosa e agora Álex, que nos miman en cada sesión e que nos dán todo o que precisamos e máis, eso é un luxo. E o máis importante, é que hai un público incansable,  insaciable, xeneroso e que xoga sempre a favor. O éxito neste proxecto ben dado nunha especie de apócema cun montón de ingredientes que non queren darse por vencidos. O éxito para min é unha mezcla entre perseverancia e loita e eu levoa xenial. Son moi peleona.

ANXO: Compro roupa máis folgada e ben…chámalle presión do éxito chámalle zampar bolos…

CONCHI: A miña intención é sempre facelo o mellor que podo e poñer da miña parte o máximo. Non sinto presión ningunha , agradecidísima mil veces do público que temos, que nos quere ben e sempre o amosa.

BRIAN: A presión que máis sinto é a da responsabilidade de sacar adiante cada sesión, o cal conleva certas expectativas propias e, ante todo, alleas. Sabes que o público ten expectativa de acudir ao Clavi para logo saír á rúa máis que satisfeito. O traballo grupal adaptouse constantemente, ano tras ano, sesión tras sesión, para facer todo o que estaba nas nosas mans por ofrecer un espectáculo coa maior calidade posible. Tivemos a sorte de contar cun público moi próximo e agarimoso que durante sete anos celebrou as nosas andanzas. É fermoso pero conleva estas expectativas e responsabilidades ante cada sesión. Penso que as claves durante este tempo foron manter a coherencia inicial do proxecto, o afecto que sentimos uns polos outros no grupo e a autoesixencia, se temos iso controlado todo acaba por saír máis ou menos ben. A verdade é que, aínda a día de hoxe, sorprendémonos cando unha sesión énchese de tal maneira que xa non sabemos onde sentar a xente. Seguimos a ser un chisco inocentes. Ademais penso que a presión do fracaso, dalgún xeito, é efectiva e mantennos alerta.

– algunha vez recoñeceronte pola rúa só por ser un dos de Microefectos?

ISA: Pois a verdade é que pasa a menudo, e é moi raro… Eu teño un rostro moi normaliño, sen rasgos fortes nin chamativos, pero aínda así ás veces a xente recoñece en min pola rúa a aquel personaxe co que ríu ou se enfadou ou se identificou… en fin co que se emocionou unha tarde, e decide parar un intere e saudalo. É raro, pero fermoso.

ANXO: Si, unhas cantas, en colas de farmacia, no super mentres te cortan cecina, bares a tutiplén, restaurantes nalgún (vou menos que aos bares)…sempre cun sorriso, moi amable todo e mola…

CONCHI: Moitas veces, pero é fantástico porque a xente sempre é moi agarimosa. Non hai que poñerse fatiña nin nada, pero ¿a quen non lle gusta que se valore e se aprecie o seu traballo? . Animo ao público que nos ven a ver a que non se corte un pelo de opinar, a ver , … construtivamente …

BRIAN: Moitísimas veces, non esquezamos que isto é Lugo e que moitos coincidimos nos mesmos lugares. Ás veces percibes que un descoñecido esboza un sorriso ao pasar ao teu lado e pensas seguro que é por Microefectos, a saber que burrada lembra de min subido ao escenario. Un día de verán do 2016, xusto cando ía a pagar, a caixeira dun supermercado preguntoume como levabamos a sesión de setembro. Foi moi graciosa a conversa posterior, fíxome moita ilusión.

microefectos-dramaturxicos-0019
– algunha pregunta para algún dos teus compañeiros/as?

ISA: Si, gustaríame saber para cando esa encerrona creativa en Avilés,  jajajaja!!!

ANXO: Por qué xa non me facedes sair en calzóns? Se estou gordo decídeo carallo!!

CONCHI: Ningunha. So repetirlles, unha vez máis, que me sinto moi feliz de ter estado no momento xusto , no lugar xusto de poder escoller estar presente neste proxecto. Feliz de compartir momentos xeniais con persoas xeniais ás que quero moito.

BRIAN: ¿Una… olivita?

GALERÍA DE CARTEIS DALGUNHAS DAS OBRAS DOS MICROEFECTOS DRAMATÚRXICOS