Festival de artes escénicas «Medrando no Nadal» en Lugo
Promovido por: Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo
MARTES 26 decembro. 2 pases. 17h e 18.30h. 40 persoas por pase. Sen numerar. “Silforiña” de Golfiños
Sinopse:
Silforiña é o novo espectáculo de Golfiños, un concerto agarimoso e cheo de emocións que combina a música e a narración. A historia de Silforiña é a historia dunha nena que mira a vida a través da súa fiestra. Dende a súa casa, Silforiña, soña coa vida e imaxina a cantidade de emocións e historias que pode atopar fóra: unha viaxe en barco, mergullar na bágoa dun poema, asustarse co ouvido dun lobo ou mexerse no luar dunha noite máxica. Serán as cantigas dos Golfiños as que axuden a Silforiña a perder o medo e facer o seu propio camiño? Silforiña fálanos da superación e dos soños da infancia a través da música.
Duración: 45 min. Idade recomendada: Primeira infancia.
MÉRCORES 27 decembro. 2 pases. 17h e 18.30h. 40 persoas por pase. Sen numerar. “Crashh babies” de We Tum Tum
Sinopse:
O colectivo de percusión creativa CRASSH preséntannos a súa proposta para bebés, nenos e familias. Nunha combinación única de percusión, movemento e comedia visual, todo é un pretexto para producir son, cunha enerxía contaxiosa. Con diferentes sonoridades, da voz aos tubos de pvc pasando por obxectos do cotián, todo serve para estimular os sentidos dos máis pequenos e proporcionar momentos únicos entre pais e fillos. Propoñemos unha viaxe polo mundo CRASSH coa súa linguaxe vocal propio “Crasshones”, entendida por todos ata polos Bebés. Con dous personaxes de carácter forte e musicalidade extrema, capaces de sorprender coa súa interacción permanente cos participantes.
Duración: 45 min. Idade recomendada: Primeira infancia.
XOVES 28 decembro. 1 pase ás 17.30h. Cabida total. Numeradas. “Cachopo máxico” de Lila Teatro.
Sinopse:
“Nunha pequena porción de terra enriba dun monte que non se atopa en ningún mapa por ser demasiado pequeno, ademais de estar algo perdido entre as brétemas do esquezemento, se pode divisar unha casiña humilde e fermosa que nunca deixa de votar fume pola súa torta cheminea. Alí vive unha familia moi singular ao tempo que bastante plural. Isto quere dicir que coma eles non hai outros. Son a familia Palpatore. Non se sabe moi ben de onde veñen nin tampouco se sabe a onde queren chegar.
Os Palpatore son extraordinarios e teñen aspectos moi diferentes entre sí coma todas as familias. Tamén, coma todas as familias, gardan grandes segredos. Ó achegarse o Nadal, a familia Palpatore comeza a ferver. Toca traballar sen descanso durante todo un mes e non están afeitos a tanto traqueteo. Eles son os mellores coñecedores de toda a maxia que acontece en estas datas de culto e celebración.”
Duración: 55 min. Idade recomendada: A partir dos 7 anos.
VENRES 29 decembro. 2 pases. 17h e 18.30h. 40 persoas por pase. Sen numerar. “Muna” de GANSO&Cia
Sinopse:
MUNA vive baixo terra, libre como un animal do bosque, como un náufrago na súa illa. Cada mañá percorre o parque en busca de tesouros esquecidos. Cada día a mesma historia, ata que un día decide buscar a maneira de rubir ata … a lúa!!! Unha excursión visual e sonora para aqueles que refugan o agasallo e xogan coa caixa. Unha viaxe a un lugar sen reloxos, sen imposible nin normas. Música en vivo con latas desafinadas e guitarra de xoguete. Cor e calor a partes iguais
Duración: 40 min. Idade recomendada: Primeira infancia (a partir dos 2 anos).
SÁBADO 30 decembro. 2 pases. 17h e 18.30h. 40 persoas por pase. Sen numerar. “Triscus Beliscus” de Rilo&Penadique
Sinopse:
TRISCUS BELISCUS é un espectáculo e obradoiro de narración oral e música para familias con crianzas de 0 a 3 anos, da man da narradora e educadora Vero Rilo (Daboapipa, Apatacón, Pallasos en Rebeldía…) e a educadora e música Sonsoles Penadique (Oradaladou, Azul de Bueu, Café Dorothé…) Queremos xogar, contar, cantar e bailar con Xan, con Pedro, co can, co gato e co rato ata caer de cu… polo buraco!
Duración: 30 min. Idade recomendada: Primeira infancia.
Nestes espectáculos, cada entrada equivale a un bebé/neno/nena e un acompañante:
“Silforiña” de Golfiños.
“Crashh babies” de We tum tum.
“Muna” de Ganso & Cia.
“Triscus Beliscus” de Rilo & Penadique.
Neste espectáculo, cada persoa deberá adquirir unha entrada:
“Cachopo máxico” de Lila teatro.