Nova edición das residencias artísticas Atopémonos Bailando.
Entre os meses de abril e novembro, as oito agrupacións e artistas seleccionadas realizarán unha estadía en Lugo, que rematará cunha representación aberta ao público amosando o traballo realizado
Organizan: a área de Cultura do Concello de Lugo e o Colectivo Glovo
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, achegáronse ao MIHL onde anunciaron xunto con integrantes do Colectivo Glovo aos 8 proxectos que desfrutarán dunha estadía en Lugo para realizar un proxecto de investigación arredor das artes do movemento dentro do ciclo de residencias artísticas Atopémonos Bailando.
As 8 artistas e agrupación seleccionadas son:
– Catarina Gameiro e Mariana Frazão · Portugal
– Elvi Balboa · Galicia. Artista seleccionada para o intercambio con Quinzena Dança Almada, Portugal
– Julia Laport · Galicia. Artista seleccionada para o intercambio con Costa Rica
– Mariana Collado e Lucio A Baglivo · Almería/Madrid. Artistas seleccionadas para o intercambio con Teatro Experimental Flaviense de Chaves, Portugal
– Miguel Gendre · Galicia
– Nashira Santanatalia e Gustavo Giménez · Zaragoza
– Alba Fernández Cotelo · Galicia
– Marina Melero · Madrid
A concelleira de Cultura afirmou que «con esta iniciativa consolidamos a Lugo como un dos puntos máis importantes nas artes do movemento», e destacou que «ano tras ano vemos como o MIHL, pola súa singularidade e as súas capacidades, é un dos espazos máis reclamados polas artistas para levar adiante este proxecto».
Residencias artísticas Atopémonos Bailando.
As 8 residencias que terán lugar en Lugo realizaranse entre os meses de abril e novembro de 2024. Cada unha delas terá unha duración de entre 5 e 10 días, e rematará cunha mostra aberta á veciñanza, onde se amosará o traballo realizado. Dous dos proxectos seleccionados realizarán intercambios con Portugal, e unha achegarase ata Costa Rica.
A comisión de valoración estivo formada por 7 profesionais das artes do movemento de Galiza, Portugal e Costa Rica, contando con Esther Latorre e Hugo Pereira, directores da compañía de danza Colectivo Glovo e directores do programa de residencias Atopémonos Bailando, Alexandrina Martins, Presidenta Teatro Experimental Flaviense de Portugal, Manfred Rivera, director artístico do Taller Nacional de Danza de Costa Rica, Erick Jiménez e Maruxa Salas, directores da plataforma cultural SóLODOS de Costa Rica e Carlota Machado, Quinzena de Dança de Almada de Portugal
Os obxectivos deste ciclo de residencias son o impulso e apoio á creación e investigación en danza e artes do movemento de compañías de ámbito galego, estatal e internacional, creando un espazo para a realización de residencias de creación e investigación, con especial atención ás creadoras galegas, difundir e achegar os procesos de creación en danza contemporánea á veciñanza a través dunha programación de calidade, diversa, innovadora, internacional, gratuita e a través de programas de apertura de procesos de creación, crear un espazo de formación e práctica en danza contemporánea mediante a realización de obradoiros especializados para públicos xerais ou públicos profesionais e xerar colaboración e traballo en rede de axentes profesionais nacionais e internacionais mediante o intercambio de artistas e información de compañías.