A Área de Cultura da USC reforza a programación formativa da Aula de Teatro do Campus de Lugo coa celebración durante o mes de novembro de tres obradoiros de arte dramática, dramaturxia e monicreques. Estas actividades formativas, que serán impartidas por Carmen Conde, Ernesto Is e Marga
Portomeñe, están abertas dirixidas á comunidade universitaria, aínda que tamén están abertas á participación do público xeral. Ademais destes cursos, tamén está prevista, aínda que sen data, a celebración dun obradoiro de dirección, que estará impartido por Roberto Salgueiro.
O prazo de inscrición en calquera dos programas ofertados, cuxas sesións presenciais se desenvolverán a partir do mes de novembro, xa permanece aberto no enderezo electrónico da oficina da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo cultura.lugo@usc.es . Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 513.
Taller de arte dramática
O taller de arte dramática, que estará dirixido por Carmen Conde, desenvolverase do 2 de novembro ao 16 de decembro. As sesións terán lugar no aulario da Facultade de Veterinaria os luns e mércores, en quenda de 20.00 a 23.00 horas. Antes do comezo da formación, Carmen Conde guiará o 28 de outubro unha sesión aberta, para a que cómpre formalizar a inscrición a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es
O obxectivo deste obradoiro, cuxos participantes poderán logo pasar a formar parte da compañía de teatro USC-Lugo, é de dar forma a un grupo de experimentación arredor do teatro. Neste proceso, as persoas inscritas traballarán diversas técnicas, afondarán no coñecemento do manexo do corpo e da voz, ademais de perfeccionar aspectos relacionados coa dialéctica, o tempo, o espazo e, por suposto, a presenza. A compañía de teatro USC-Lugo que resulte desta fase de aprendizaxe-convivencia, comezará en xaneiro a preparación da montaxe que presentarán na próxima edición do Festival de Teatro
Universitario de Lugo, que previsiblemente se celebrará en marzo de 2021.
Obradoiro de dramaturxia
O obradoiro de dramaturxia promovido pola Área de Cultura da USC en Lugo desenvolverá a súa actividade formativa os xoves comprendidos entre o 5 de novembro e o 10 de decembro en quenda de 19.00 a 22.00 horas. As sesións programadas neste primeiro cuadrimestre terán lugar na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.
Este taller, cuxa finalidade pasa por favorecer un achegamento á escrita teatral, estará impartido por Ernesto Is, quen continuará este cometido ao longo do segundo cuadrimestre do exercicio académico 2019-20.
Taller de marionetas
Marga Portomeñe guiará do 2 de novembro ao 26 de abril un taller de marionetas, cuxas sesións presenciais se desenvolverán en quenda de tarde, de 16.30 a 18.30 horas, na Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria. A mecánica do movemento dos monicreques e a súa creación centrarán a temática deste obradoiro, que presenta un enfoque totalmente práctico