O Lugo Máxico 2022 achegará 10 actividades que terán lugar entre o 27 e o 29 de maio. Todas serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida do recinto.
O Lugo Máxico 2022 achegará 10 actividades que terán lugar entre o 27 e o 29 de maio, ademais de distintas actividades nos centros escolares de Lugo. O HULA acollerá sesións de maxia o venres 27, entre as 11:00 e as 13:00, cos magos Marcos Waldemar, Nacho Samena e Fernando Keller.
A primeira gala unipersoal do Lugo Máxico 2022 terá lugar o venres 27 a partir das 20:30 na praza Horta do Seminario. O valenciano Mago Orbit, un dos magos máis novos e con máis proxección do panorama estatal, será o encargado de abrir as actividades do Lugo Máxico.
O sábado 28, a praza Anxo Fernández Gómez acollerá a Feira dos Imposibles, organizada pola compañía Civi Civiac, e que está dirixida a todo tipo de públicos.
Nesta feira, dúas personaxes proporán xogos con diferentes caixas e obxectos misteriosos. A Feira contará con 25 elementos distintos entre artiluxios de inxenio, caleidoscopios, cadros de dobre visión, inventos máxicos e ilusións ópticas.
A actividade terá lugar pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 horas, e pola tarde de 17:00 a 20:00.
Tamén na praza Anxo Fernández Gómez os magos Marcos Waldemar e Nacho Samena impartirán distintos obradoiros pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 e pola tarde de 16:00 a 19:00.
A xornada de sábado rematará a partir das 19:00 coa gala Galego-Portuguesa. Cayetano Lledó presentará a gala na que actuarán os magos Cali, Camilo Vázquez, Kiko Pastur, David Méndez, Mago Romaris e David Sousa.
O domingo 29 será o día grande do Lugo Máxico 2022. A xornada comezará ás 11:30 no Hotel Méndez Núñez, coa conferencia A maxia de David Sousa, a cargo do mago portugués, e destinada á formación das e dos profesionais da maxia.
Os obradoiros de Marcos Waldemar e Nacho Samena continuarán na praza Anxo Fernández Gómez entre as 11:00 e as 14:00, e pola tarde de 17:00 a 20:00.
A praza Horta do Seminario acollerá unha gala infantil a cargo do mago Enric Magoo a partir das 13:00. Enric Magoo recibiu numerosos premios, tanto a nivel estatal como internacional nos seus máis de 30 anos de carreira artística.
A partir das 18:30 o Vello Cárcere acollerá a conferencia Do xamón ao mago. Como a maxia se converteu nunha arte?, a cargo do investigador Ramón Mayrata, e aberta ao público xeral.
O Lugo Máxico 2022 rematará coa Gran Gala Lugo Máxico, a partir das 20:00 na praza Horta do Seminario. Camilo Vázquez será o conductor da gala que contará coas actuacións de Fernando Keller, Jessica Guloomal, Enric Magoo, Luís Manuel e o Mag Albert.
Todas as actividades do Lugo Máxico 2022 serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida do recinto.