«Tarde e Tardiña» espectáculos familiares nas tardes de xullo. Teatro de rúa, a música ou circo ás 18:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez.

Nova edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar «Tarde e Tardiña» promovido por Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

«Trátase dunha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar nas prazas do centro de Lugo durante as tardes dos xoves«, explicou Maite Ferreiro, edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que engadiu «cada día terá lugar un espectáculo para público familiar ás 18:00 horas na praza Anxo Fernández Gómez».

Tarde e Tardiña comezará o vindeiro xoves 06 de xullo, e incluirá destacadas propostas da escena galega, estatal e internacional que mesturan o teatro de rúa, a música ou o circense. 

Maite Ferreiro, tamén presentou a programación para público adulto Versos na Barraca, e destacou que “con iniciativas como esta desde a área de Cultura consolidamos unha programación cultural estable durante todo o ano, dando opcións ás familias durante as tardes do verán”.

Presentación da programación cultural do verán cunha nova edición dos ciclos Tarde e Tardiña e Versos na Barraca. Foto: Gab. Com. Cultura.

Programación Tarde e Tardiña 2023

  • 06 de xullo, Oh-Pera de Circo Chosco (para todos os públicos, 50 minutos) Espectáculo gañador do certame intergaláctico do Festaclown 2021

Contar historias desde a imaxe, cando as cousas falan, descubrir novos espazos e ver come se transforman os vellos.

Todo cambia, nada permanece e con cada transformación ábrese un mundo de posibilidades. Todo está composto de átomos, segundo como se combinen pode ser unha xirafa, unha cadeira ou unha escaleira.

O mundo está feito de pezas elementais e o noso mundo está feito de caixas que van mudando en universos diferentes.

Unha viaxe polas posiblidades da vida, polas eleccións que tomamos no día a día, nas que o amor é a materia escura que os une.

  • 13 de xullo, Distans de Vol’e Temps (para todos os públicos, 50 minutos)

Premio Fetén 2019, Premio Lorca 2019 a espectáculo de circo, premio Paca a mellor Dirección, mellor Posta en Escea e mellor Artista Masculino.

DistanS é un dos mellores espectáculos dos últimos anos no circo español. Unha gran peza con multitude de premios e mencións que pasou polas mellores programacións.

Un espectáculo imprescindible que destaca pola súa excelencia técnica, escenográfica, acrobática, humorística… un espectáculo que é unha verdadeira delicia e non podes perder.

  • 20 de xullo, Up!!! De Xabi Larrea (para todos os públicos, 45 minutos)

Un espectáculo que toma o humor como base de partida, donde o absurdo, a comedia e a excentricidade toman un rol decisivo á hora de mostrar as diferentes habilidades dun personaxe apaixoado, irónico e cheo de enerxía.

  • 27 de xullo, Home, de Cia Cris-is

Premios en Circada 2023, Festival de Circ de Terrasa, Festival Cucha Ubeda, Festival Circorts, Festival Arca, Festival Zirkualde, Festival Temudas, Festival Arisc-arte Vinarós.

Nunha casa miserable, unha parella vive a súa penosa rutina. Drama ao servizo da comedia. Risas das boas, das sonoras, das que curan. Un espectáculo trepidante, emocionante, hilarante.