Decembro 2018 Este xoves 20/12 ás 19:30 o cineasta de Xove, Xacio Baño, visitará os cines Codex para falar da súa primeira longametraxe, «Trote». Logo dun lustro paseando polos festivais internacionais máis importantes do mundo as súas curtas, o director debutou este ano co seu primeiro filme, que logrou participar no festival de Locarno para posteriormente ser presentado en España no contexto do festival de Donostia, o máis importante dos celebrados en España.
En Trote, Baño conta unha historia da montaña galega, mais lonxe dos acercamentos habituais. A medio camiño entre o cinema de autor máis radical e o thriller psicolóxico, o cineasta de A Mariña firma un excepcional retrato das tradicións e as costumes galegas, sen caer en tópicos folclóricos. Un filme sen concesións, profundamente coherente e comprometido, que está a levar eloxios por parte da crítica. Os principais medios de comunicación españois están a celebrar o filme, destacando a súa capacidade sensorial e o seu rigor formal, ademais do orixinal traballo dos seus actores, especialmente María Vázquez, intérprete natural de Carballedo (Lugo).
En declaracións ao portal ecartelera, o cineasta comentou: «Unha das ideas formais que había, aparte de quitar a emoción, era facer un filme tosco, que non se deixase acariciar, como un cabalo salvaxe. Unha película que por momentos invita a non pensar e a seguir o que pasa por dentro, as sensacións que transmiten os planos ou os actores, máis que a información que aporta. E por aí sabiamos que queriamos crear un filme de ocos e de negros, con elipses e buracos, espazos por encher que polo xeral teñen que ver co noso animal interior».
No prestixioso portal internacional Cineuropa.org, Alfonso Rivera comenta: «Trote é unha xigantesca metáfora, un grito silencioso, unha angustiosa explosión. Un filme de beleza abafadora, mais ao mesmo tempo, devastador e duro, marcado pola súa delicada, sensible e simple posta en escena. A película non descoida os detalles nin fuxe da súa despreocupada busca da beleza, algo que abonda en Galicia, onde o filme foi rodado».
Un filme desta beleza e compromiso coa súa terra, converte a Xacio Baño nun dos cineastas de referencia do cinema galego e unha das grandes promesas do cinema internacional. O filme será presentado polo seu director e pola produtora Luisa Romeo, que ao finalizar a sesión manterán un encontro cos espectadores. Será a primeira sesión especial de Codex Cinema, que naceu co obxectivo de achegar aos cineastas lucenses e galegos ao espectador. Un cinema, o galego, que está a acadar grande prestixio en todo o mundo, pero que logo ten problemas para proxectarse nas salas do noso país.