Un asunto de familia, de Hirokazu Kore-Eda, e Entre dos aguas, de Isaki Lacuesta, gañadoras da Palma de Ouro en Cannes e da Concha de Ouro en Donostia, respectivamente, serán as estreas da semana do venres 21 ao xoves 27 de decembro nos Codex (fb)

Decembro 2018 Despois dunha prolongada carreira chea de éxitos internacionais, o cineasta xaponés Hirokazu Kore-Eda acadou en maio deste ano o premio máis relevante da temporada de festivais, a Palma de Ouro do Festival de Cannes. Un asunto de familia trátase dun filme no que o autor nipón retoma as constantes estilísticas e temáticas das súas últimas obras. Se ben comezou a súa carreira hai dúas décadas con filmes máis conxunturais e xeracionais, nos últimos anos tendeu cara un estilo máis próximo ao cinema clásico xaponés: as rupturas familiares, a permanencia das tradicións e a dificultade de núcleos pechados para aceptar os cambios que se producen na sociedade. A medio camiño entre a materialidade incuestionable de Yasujiro Ozu e a transgresión formal e política de Nagisa Oshima, Kore-Eda atopa o seu lugar propio na historia do cinema xaponés.

Pola súa banda, Isaki Lacuesta regresa a un mundo que coñece ben, a San Fernando, Cádiz, onde doce anos atrás rodara La leyenda del tiempo. Se aquel filme tomaba o nome do famoso álbum de Camarón de la Isla, Entre dos aguas remite a Paco de Lucía. Cun estilo máis suntuoso e vivo que a obra previa, Lacuesta segue a xirar arredor dos temas principais da súa filmografía: a busca da identidade, os conflitos entre as tradicións de antigo e as novas xeracións, a multiplicidade como forma de facer fronte ao presente… Un cinema mestizo, onde as tradicións culturais se sobrepoñen de forma sorprendente para seguir contando a historia de Isra e Cheíto, os protagonistas do anterior filme.

Os premios avalan a programación de Codex Cinema

Cold War segue a conseguir éxitos por todo o mundo. O último, os premios da Academia do Cine Europeo, onde a cinta de Pawel Pawlikowski arrasou levando practicamente todos os grandes premios: Mellor película, mellor director, mellor guión, mellor montaxe e mellor actriz. Nesta mesma semana, decidíronse as nove películas que loitarán polo prestixioso Óscar á mellor película estranxeira, onde por suposto tamén se encontra o filme de Pawlikowski xunto a outra das nosas estreas, Un asunto de familia, de Hirokazu Kore-Eda. As dúas cintas xa se repartiron os grandes premios de Cannes e agora volven a estar en competencia por un dos galardóns máis importantes do ano.

Da academia de Hollywood á española, onde Entre dos aguas de Isaki Lacuesta, a pesar de ser un filme independente e sen estrelas no seu reparto, conseguiu colarse entre os elixidos para loitar polos premios a mellor película e mellor director. Por suposto, o gran hit do ano, Cold War tamén estará presente na categoría de mellor película europea.