Carteleira do Códex Cinema Lugo a partir do xoves 25-03

Este venres chega a Codex Cinema o filme Nación, de Margarita Ledo Andión, a primeira gran película galega deste 2021. Nación tivo a súa premiere mundial no festival de cinema europeo de Sevilla, onde gañou o premio Nuevas Olas, unha categoría adicada a obras de especial relevancia artística. Despois pasou polo Cineuropa de Compostela, onde Margarita Ledo recibiu o premio honorífico a toda unha carreira.


Profesora, xornalista, activista e cineasta, Margarita Ledo é unha das grandes personalidades da cultura galega dos últimos 50 anos. A súa carreira como cineasta comezou tardíamente, logo de moitos anos como docente de teoría audiovisual na facultade de Ciencias da información da USC. Santa Liberdade (2004), Liste, pronunciado Líster (2007) e A cicatriz branca (2012) son mostras dun cinema comprometido coas loitas sociais, coas historias nunca contadas de Galicia, desde unha mirada feminista e loitadora, onde o respeto polas testemuñas da historia, polas vítimas nunca entra en conflito coa posición da cineasta.