«O raio verde» do gran Éric Rohmer nos Codex. Unha obra mestra dos anos oitenta, unha das obras máis salientables de Éric Rohmer, un dos membros orixinais da Nouvelle Vague e, sen dúbida, un dos mellores directores da historia do cine.
O filme gañou o León de Ouro á Mellor Película e o premio FIPRESCI no Festival de Venecia de 1986.
O RAIO VERDE

As películas de Rohmer recoñécense dende o plano de apertura, o estilo fílmico que acadou e depurou ao longo de moitos anos ten un dos seus cumes en O raio verde, unha película cunha rodaxe feita cun equipo mínimo e que leva ao extremo tanto o naturalismo, constante no seu cinema, coma a capacidade de amosar o invisible a través do visible, do cotián, das conversas ou das pequenas anécdotas do día a día.

O filme toma o título da novela homónima de Jules Verne, de acordo do escritor francés cando un ve un raro escintileo verde na tardiña, os nosos propios pensamentos e os dos demais revélanse coma por arte de maxia.

No filme nárrase a historia de Delphine, unha secretaria parisiense que fica sen plans para as vacacións cando unha amiga cancela repentinamente as súas. Tremendamente frustrada Delphine está decidida a viaxar aínda que polo camiño incrementará a súa sensación de soidade ata que aconteza algo inesperado. 

Marie Rivière interpreta a Delphine xunto a Rosette e Béatrice Romand, todas elas actrices habituais no cinema de Rohmer.

En O raio verde aparecen moitos dos temas usuais na obra do francés, como as complicacións que xorden froito das relacións entre persoas, o tempo de lecer ou o azar. En definitiva, un profundo e agudo estudo do comportamento humano, con fondo dramático, baixo unha estrutura argumental aparentemente lixeira, como é habitual en todas as películas do ciclo.

ENTRE DOUS AMENCERES

A outra estrea da semana nos Codex Cinema é Entre dous amenceres, debut na longametraxe do turco Selman Nacar. O filme gañou o Premio á Mellor Película no Festival de Torino 2021; ademais, cando estaba en fase de produción, gañou o Premio da Industria WIP Europa no Festival de San Sebastián de 2020 e na seguinte edición do festival concursou na sección Novos Directores.

Cun estilo moi seco e directo Nacar narra a historia dun home, Kadir, que ten que tomar unha decisión moral, logo dun grave accidente laboral na empresa familiar na que traballa, que traerá dramáticas consecuencias a todos os ámbitos da súa vida. Un conflito moral contado nun marco de vinte e catro horas que afonda nas escalas de poder que hai na sociedade e nas propias familias.