I Festival Ecofamiliar Lugar de Reque. Unha iniciativa cultural, festiva e ecolóxica que se celebrará o vindeiro 16 de xullo a carón do río Rato de Lugo

Nova proposta festivalera en Lugo pero desta volta única, orixinal e chea de propostas baseadas no lecer, na arte e na aprendizaxe vivencial para todas as idades: o 1º Festival Ecofamiliar Lugar de Reque,  sábado 16 de xullo a carón do río Rato. 

O programa deste encontro procura atraer un público diverso. Desde persoas interesadas na permacultura ou noutras esferas da ecoloxía, até calquera persoa interesada por experiencias alternativas, innovadoras e
cunha base cultural arraigada.

Atende especialmente ás familias e crianzas, con diferentes actividades pensadas para que que nenas e nenos disfruten en contacto coa natureza.

Efrén Castro xunto a Francisca López e Alexandre Grande

A Vicepresidencia da Deputación impulsa Reque como un espazo de lecer co 1 Festival Ecofamiliar. O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “a realización deste festival enmárcase dentro da programación que se está desenvolvendo durante todo o ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque. Con esta proposta cultural e lúdica  queremos presentar este espazo público como un lugar no que disfrutar de actividades de lecer en contacto coa natureza e nun ambiente enriquecedor”.

A continuación detallamos o programa do Festival, coordinado por Francisca López, do Centro de Artesanía e Deseño, e polo permacultor Alexandre Grande Babarro.

Roteiro consciente
José Antonio Recouso guiará un roteiro polo Lugar de Reque e a súa contorna, convidando a reconectar coa natureza e os seus elementos, desde a consciencia e a atención plena aos nosos sentidos.

Sesión Kombucha
Naya Bravo desenvolverá un obradoiro sobre alimentos fermantados no que introducirá ás persoas participantes no mundo da kombucha, explicando  a
súa elaboración, propiedades, variedades e conservación, ademais de achegarnos un grifo de Kombucha para a súa degustación.

Os trotasongs
Iria Estévez e Gonzo Piña poñen en escena un espectáculo músico-teatral no que uns misteriosos personaxes chamados os Trotasongs aparecerán no
1º Festival Ecofamiliar Lugar de Reque para compartir co público un segredo: a maxia da maleta na que gardan as cantigas que recollen nas súas viaxes a través do tempo e do espazo para protexelas de Móngrimus, o monstro da gran industria musical.

Concerto de Gongs
Santiago Nicolás ofrecerá un concerto con este singular instrumento que aprendou a empregar tras formarse con grandes mestres internacionais en
países como China, Tibet ou Nepal.

Círculo Nai Terra
Sonia Lamas guiará un círculo dedicado á Terra e un taller de pintacaras con cosmética natural e de coroas de flores, dúas experiencias participativas e de celebración da natureza e do espírito comunitario deste espazo permacultural.

Concerto Al abrigo del olivo
Al abrigo del olivo é un proxecto colectivo formado por Cris Nawa, Mou de Lugh, Ooruk Shambo e Naiara González que combina ritmos bailongos e
letras reflexivas para lembrarnos a alegría de vivir. Son como eles din “os que rompen o show»

Concerto Nanan
O músico, luthier, docente e ambientalista brasileiro Nanan, recoñecido pola súa participación en diversos proxectos ambientais e de difusión da
permacultural, ofrecerá un concerto con cancións do seu segundo disco en solitario  “Movemento: Manifesta Sentimento”, unh obra na que consolida
o seu compromiso medioambiental.

Xogos e artesanía

Durante toda a xornada, as crianzas poderán disfrutar de diferentes espazos de xogo con material natural e obradoiros de creación a cargo da cooperativa Miudiño nos que se potenciará a liberdade de elección e creación da cativada, tendo en conta a importancia que ten para o seu desenvolvemento o xogo, a manipulación e a creación con materiais naturais.

A artesanía tamén será parte desta xornada cultural e festiva coa presenza de cesteiras como Beatriz Valín, Carmen Fieiras, María Otero ou   Carlos Rubio de O Carabel Ecocestos e un taller de debuxo naturalista a cargo de Mariana Roura.