Esta semana Codex Cinema propón dúas estreas dirixidas por cineastas cataláns que ao longo da súa obra conquistaron numerosos premios e que contribúen ao recoñecemento internacional do cinema español.
A primeira estrea da semana en Codex Cinema é Pacifiction, novo filme do catalán Albert Serra, un dos cineastas españois con maior proxección internacional no circuíto de festivais ao longo dos últimos quinces anos.
O filme está protagonizado por Benoît Magimel, un dos actores franceses de maior prestixio dos últimos anos, e conta tamén coa colaboración de Sergi López.
Pacifiction foi presentada na Sección Oficial do Festival de Cannes, trátase dunha coprodución maioritariamenta francesa na que tamén participaron España, Alemaña e Portugal.
Cun rigor e precisión propias dun mestre, Serra conta a historia de De Roller, enviado do goberno francés en Tahití, na Polinesia Francesa. Trátase dun retrato minucioso dunha figura que sempre está entre os límites da representación e da súa propia realidade.
Un filme onde atopamos elementos de thriller político na historia deses indíxenas que protestan ante os posibles ensaios nucleares na illa, tamén consiste nunha indagación nas miserias da corrupción política.
Cunha estética na que sobresae a saturación das cores e cun tono moi lúdico a pesar da monumentalidade das suas case tres horas de duración, Pacifiction perfílase como unha das estreas de autor da tempada. Como di o propio Serra “O filme pregúntase como funciona o mundo, faino propoñendo situacións grotescas, sen tomalo demasiado en serio, ademais é posible que o mundo tampouco se tome en serio a si mesmo”
Albert Serra (1975) é un director moi irreverente que dende o comezo da súa carreira conquistou os festivais internacionais con filmes como Honor de cavalleria (2006), El cant dels ocells (2008), El Senyor ha fet en mi meravelles (2011), Història de la meva mort (2013), La Mort de Louis XIV (2016) e Liberté (2019).
A outra estrea da semana é Dúo, segundo filme de ficción da catalá Meritxell Colell. O filme retoma a Mónica, personaxe principal do anterior filme de Colell, Con el viento, interpretado pola bailarina e coreógrafa Mónica García.
Se na anterior película Mónica experimentaba un desexo de cambio tras convivir coa súa nai, agora intentará atopar as súas raíces lonxe de casa.
O seu compañeiro nesta andaina pola cordilleira dos Andes será Colate, interpretado polo actor arxentino Gonzalo Cunill. Colell filma a viaxe de retorno a Arxentina por parte de Mónica nunha xira de danza contemporánea en territorios remotos onde a arte está ligada á vida.
A película emprende unha busca a través dos límites xeográficos e culturais entendendo a fronteira como unha lugar de cruce (de persoas, linguaxes e culturas) e, polo tanto, híbrido.
Entre o documento e a ficción, o filme amosa a incapacidade de adaptación ao lugar por parte da parella e propón tamén cuestións sobre a creación artística alonxada das necesidades das comunidades e a representación e achegamento ás persoas que as compoñen.
A través da viaxe de Mónica a película busca e búscase nun modo de vida que desaparece: na terra, nas raíces, na casa, na memoria ou nos afectos; unha viaxe onde a dualidade é o centro da película.
Dúo foi presentada no Festival de Málaga e no barcelonés D’A Film Festival.