A «Feira do 48» revivirá o ambiente das feiras de antano en Lugo. Música, baile, artesanía e xogos populares os días 10 e 11 de setembro na Praza Maior de Lugo.

Nova edición da Feira do 48 os días 10 e 11 de setembro na Praza Maior de Lugo. Coa premisa de revivir o ambiente das feiras de antano na cidade,  dúas xornadas de actividade ao redor da música e do baile tradicional con actuacións e ruadas.

Xunto á ambientación musical, a Feira do 48 dá espazo tamén á artesanía e aos oficios vinculados á construción de instrumentos e ao traxe tradicional, aos xogos tradicionais e populares -coa colaboración de
Xotramu- e á gastronomía, coa presenza dunha pulpeira.

Como novidade, nesa quinta edición, o programa comeza o sábado pola mañá con Cantos de Taberna en distintos locais de hostalería da rúa Nova e da rúa da Cruz, que se sumaron á iniciativa.

O xornalista Paco Nieto será o encargado de inaugurar oficialmente a Feira coa lectura do pregón.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro animou a “lucenses e visitantes a desfrutar da Feira do 48, que retoma como escenario un lugar emblemático para este tipo de celebracións como o quiosco da música“ e lembrou “o éxito de pasadas edicións para anticipar unha gran participación”.

A Feira do 48 toma como referencia cronolóxica o 1948, ano da fundación de Cántigas e Frores, que desde aquela ven traballando na promoción da música e do baile tradicional desde distintos eidos, incluída a ensinanza.

Organizada pola Asociación Cultural Cántigas e Frores, conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo