A Semana de Cine de Lugo, na súa edición XLII, ven de render homenaxes a Luis Tosar, Benedicta Sánchez e Amador Arias, Carmen Correa ou ao fotógrafo José López – Fotos Pereira.
Un libro, unha placa no Paseo lucense do cine, e a entrega dun agasallo conmemorativo, foron as homenaxes a Luis Tosar. Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación e Concelleira de Cultura en Lugo, entregoulle o agasallo a Pilar López Tosar, irmá do actor, diante da Xefa territorial de Cultura da Xunta en Lugo, María José Gómez Rodríguez, do Director da Semana de Cine, Manuel Curiel e do Presidente de Fonmiñá, Xulio Xiz.
Pilar Tosar tivo emocionadas palabras de agradecemento, no nome do seu irmán, polo especial feito de que esta homenaxe se lle faga na súa terra, disculpando a ausencia de Luis por compromisos cinematográficos, e desexando o mellor para a Semana de Cine e para os lucenses.
Tamén rendeuse homenaxe a Benedicta Sánchez e Amador Arias, protagonistas de O QUE ARDE, inmediatamente antes da proxección deste filme de Oliver Laxe, dentro da XLII Semana de Cine. Benedicta Sánchez e Amador Arias recibiron de Fonmiñá a placa de homenaxe con motivo desta Semana de Cine, como protagonistas desta película tan especial para o cine e a vida galega.
Os dous agradeceron esta distinción, destacando Benedicta o afortunada que foi porque lle «saíra un fillo así maior», e o agradecida que estaba por este homenaxe en Lugo, por algo no que o tiña pasado tan ben e que «non fixera máis que seguir as indicacións da dirección». A presencia e palabras de Benedicta foron aplaudidas con entusiasmo por parte de todos os presentes
No Paseo do Cine de Lugo (o que vai desde a Avenida de A Coruña, nos terreos do Parque da Milagrosa, cara ao Auditorio Gustavo Freire), non só inaugurouse unha placa en honor a Tosar – descuberta por Mavisa Rodríguez López – , tamén a Carmen Correa (actriz nacida en Baleira, que participou en numerosos filmes nos anos cincuenta e sesenra, e foi homenaxeada na Semana de Cine de 2006), foi descuberta polo xornalista oriundo de Baleira, Alfonso Riveiro director do xornal El Progreso, que no 2006 foi importante xestor naquela homenaxe á actriz .
O Grupo Fonmiñá, organizador da Semana de Cine de Lugo, tamén rendeu homenaxe ao fotógrafo de 91 anos, José López-Foto Pereira, de Portomarín. Ademais de membros do Grupo Fonmiñá, participaron Maite Ferreiro, Concelleira de Cultura e Vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo; Javier Arias, Delegado Territorial da Xunta de Galicia; a Directora da Biblioteca Provincial, María Elena García Pazos; e o musicólogo, crego e escritor Xesús Mato.
Na entrega púxose de manifesto a singular aportación deste veterano fotógrafo á historia do sur da provincia de Lugo, con especial incidencia nos concellos de Portomarín e Paradela, tendo arquivados 45.000 clichés que están sendo dixitalizados para a súa conservación e difusión no futuro. O máis destacado deste labor fotográfico é a magnífica colección de fotografías dos monumentos, xentes, paisaxes e vida do vello Portomarín, que acabou mergullado nas augas do Miño coa construción do pantano de Belesar.
Na praza principal de Portomarín, este nonaxenario fotógrafo mantén aberta unha de exposición onde mostra imaxes inesquecibles daquel fito do Camiño de Santiago, que hoxe so permanece na memoria, e nas fotografías de José López-Foto Pereira.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte