8.3 C
Lugo
Vie, 15 Nov 2024
Cargando Eventos

« Todos los Eventos

Charla – Obradoiro sobre a trompa-birimbao

15 de noviembre - 16:00 - 20:00

Charla – Obradoiro sobre a trompa-birimbao

 A Tradescola, escola de música e baile tradicional galego que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, impartirá un novo obradoiro de música tradicional o venres día 15 de novembro en horario de 16.00 a 20.00 horas.

«Con esta xornada sobre o birimbao, pretendemos achegarnos a este instrumento co desexo de manter viva unha tradición transmitida de forma oral de xeración en xeración.»

Esta actividade, que conta coa axuda da area de Cultura do Concello de Lugo, é de balde previa inscrición, que pode tramitarse chamando ao 982229966 ou enviando un correo a tradescola@gaiteirosgalegos.gal

As prazas son limitadas por orde de inscrición.

Trompa, birimbao ou arpa de boca son algúns dos diversos termos cos que se designa este instrumento musical formado por unha lingüeta de aceiro fixada a un marco, normalmente de ferro ou aceiro, por medio dunha cuña incrustada nun pequeno furado situado na parte posterior.

Funciona en contacto coa cavidade bucal, que actúa como aparato resoador. Ao pulsar a lingüeta esta vibra producindo unha nota fundamental e unha serie harmónica, dando a posibilidade de crear tanto ritmos como melodías.

Presente en diferentes culturas de todo o mundo, con gran variedade de formas, tamaños, nomes e usos, destaca a súa capacidade de adaptación aos contextos socioculturais, ao tempo e á propia música.

Mantívose vivo dun xeito relevante na zona de A Fonsagrada, onde se conservou de forma tradicional tanto a técnica interpretativa como a construtiva, chegando a ser moi popular o seu uso, normalmente solista.

Daniel Do Pando

Nacido no lugar de O Pando, un casarío do concello de A Fonsagrada, no seo dunha familia de forte tradición musical, aprende a tocar a trompa tendo como mestres e referentes aos tocadores tradicionais deste concello, onde o instrumento conta cun importante arraigamento.

Colabora en concertos e gravacións con diferentes músicos ademais de ser membro do Proxecto Avareira, que centra o seu traballo na investigación, estudo e difusión do instrumento. Realiza diversas participacións en televisión, radio ou cine e desenvolve unha importante labor docente e divulgativa na que dá a coñecer este instrumento que forma parte da nosa identidade cultural.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosos actos como charlas, exposicións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4 e no Centrad, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

Detalles

Fecha:
15 de noviembre
Hora:
16:00 - 20:00
Categoría del Evento:

Local

TRADESCOLA
Centro Lug II - Rúa Pintor Corredoira, 4
LUGO, Lugo Spain
+ Google Map
Teléfono
982 22 99 66