- Este evento ha pasado.
Inauguración da exposición «Wallace e a orixe das especies»

Inauguración da exposición «Wallace e a orixe das especies»
O acto inaugural desenvólvese o día 17, ás 20.00 horas. A sesión comeza coa proxección da peza audiovisual creada para a sala inmersiva de ‘Wallace e a orixe das especies’. A continuación ten lugar unha breve aproximación musical ao século XIX a cargo da mezzosoprano Julia Portela Piñón. Logo da apertura oficial a cargo das autoridades, desenvólvese o relatorio ‘Alfred Russel Wallace e a orixe das especies’, a cargo de Borja Milá.
A mostra, que xa foi exhibida no Museo Nacional de Ciencias Naturales, conta co comisariado de Borja Milá, vicedirector de Exposicións do centro, e Soraya Peña de Camus, responsable da coordinación expositiva, ambos investigadores do Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Paulino Martínez Portela, catedrático de Xenética da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, é o promotor desta exposición “que achegará a Lugo un dos científicos máis fascinantes da historia”, destaca.
Poderá visitarse ata finais de xaneiro de 2027.
A. R. Wallace
A. R. Wallace foi un eminente naturalista, un avezado explorador, un científico creativo e un prolífico escritor en temas moi diversos.
Dende a organización da mostra salientan que “as súas principais contribucións á ciencia inclúen non só a descrición de novas especies de insectos e aves, senón tamén establecer as bases teóricas para comprender a distribución xeográfica das especies e a evolución dos seres vivos!.
Actualmente é considerado o pai da bioxeografía como ciencia, e codescubridor con Charles Darwin da teoría da evolución a través da selección natural.
“Aínda que a súa imaxe foi en parte ensombrecida pola omnipresente figura de Darwin, Wallace foi un dos principais científicos do século XIX”, matizan dende Acuigen.
Con esta mostra preténdese dar a coñecer “o seu importante legado e restablecer a súa relevante posición como científico, así como o seu determinante papel á hora de promulgar a teoría evolutiva, concepto unificador da bioloxía que cambiaría a nosa forma de ver a vida no planeta e o noso lugar no universo”.
A exposición, impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela, trae a Lugo a mostra sobre Alfred Russel Wallace producida polo Museo Nacional de Ciencias Naturais-CSIC e complétase cun programa de actividades de divulgación científica dirixidas tanto á cidadanía como aos centros educativos. Podedes consultar toda a información e o programa en:
www.expowallaceusc.com

